Saltar navegación

3.4. Sobre licenzas

Introdución

Creative Commons é unha organización sen ánimo de lucro que permite ás persoas autoras e creadoras compartir voluntariamente o seu traballo, entregándolles licenzas e ferramentas libres que lles permitan aproveitar ao máximo toda a ciencia, coñecemento e cultura dispoñible en Internet. Creative Commons desenvolve, apoia e administra infraestruturas técnicas e xurídicas que maximizan a creatividade dixital, o compartir e a innovación. 

Enlace web Creative Commons sobre as licenzas 

licenzasCC
Creative Commons. Sobre as licenzas Creative Commons (CC BY-NC-SA)

Para saber máis sobre o uso de licenzas Creative Commons, en particular, e sobre creación, reutilización e distribución de contidos, en xeral, recoméndase visitar a Guía de Boas Prácticas para Liberación de Contidos e Software da AMTEGA ou esta guía práctica de licenzas do proxecto EDIA.

Preguntas frecuentes sobre dereitos de autoría

Se queres coñecer máis acerca de dereitos de autoría, recomendámosche estas 15 Preguntas frecuentes sobre derechos de autor para profesores desenvolvidas pola EUIPO (Oficina da propiedade intelectual da Unión Europea)

A EUIPO tamén desenvolveu estas 15 preguntas de los consumidores sobre los derechos de autor.

Que obxectos, en función da súa licenza, podemos inserir nos nosos REA?

Se un recurso (imaxe, vídeo, recurso interactivo JClic...) ten unha destas licenzas abertas, pódese inserir nun dos REA do noso proxecto?

No noso proxecto cREAgal podemos incluír recursos con calquera licenza CC sempre que non modifiquemos o recurso orixinal. E a licenza do recurso orixinal permanecerá inalterada.

Fonte: Creative Commons. If I create a collection...

Tamén podemos modificar un recurso orixinal se non ten a restrición ND na licenza, xa que esta restrición non permite obra derivada.

Fonte: Creative Commons. If I derive or adapt material...

 

Que entendemos por modificación

Cando o traballo modificado se basea no traballo anterior pero manifesta suficiente creatividade nova para ser susceptible de dereitos de autoría.

Exemplos:

  • Xeración dunha imaxe a partir doutra imaxe.
  • Sincronizar música cunha imaxe en movemento.
  • Xeración dun vídeo a partir doutras imaxes ou vídeos.
  • Xeración de recursos Geogebra, JClic etc. creados a partir doutros.

En resumo, as licenzas CC que son compatibles cos nosos REA  (CC BY-NC-SA) (sempre que queden correctamente referenciadas) son:

  • CC0 (ou Dominio Público)
  • CC BY
  • CC BY-NC
  • CC BY-NC-SA
  • CC BY-SA
  • CC BY-ND (sen modificar o orixinal)
  • CC BY-NC-ND (sen modificar o orixinal)

E as non compatibles:

  • Copyright
  • GPL

Sobre o dereito de cita

Utilizando as excepcións que brinda a Lei de Propiedade Intelectual, é posible:

A inclusión de fragmentos de obras a título de cita, para a súa análise, comentario ou xuízo crítico:

"É lícita a inclusión nunha obra propia de fragmentos doutras alleas de natureza escrita, sonora ou audiovisual, así como a de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, sempre que se trate de obras xa divulgadas e a súa inclusión se realice a título de cita ou para a súa análise, comentario ou xuízo crítico. Tal utilización só poderá realizarse con fins docentes ou de investigación, na medida xustificada polo fin desa incorporación e indicando a fonte e o nome do autor da obra utilizada.
As recompilacións periódicas efectuadas en forma de recensións ou revista de prensa terán a consideración de citas. Con todo, cando se realicen recompilacións de artigos xornalísticos que consistan basicamente na súa mera reprodución e dita actividade se realice con fins comerciais, o autor que non se opuxo expresamente terá dereito a percibir unha remuneración equitativa. En caso de oposición expresa do autor, dita actividade non se entenderá amparada por este límite".
(Artigo 32.1 LPI)

A reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos:

"Non necesitará autorización do autor o profesorado da educación regrada para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, excluídos os libros de texto e os manuais universitarios, cando tales actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas nas aulas, na medida xustificada pola finalidade non comercial perseguida, sempre que se trate de obras xa divulgadas e, salvo nos casos en que resulte imposible, se inclúan o nome do autor e a fonte. Non se entenderán comprendidas no parágrafo anterior a reprodución, distribución e comunicación pública de compilacións ou agrupacións de fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo".
(Artigo 32.2 LPI)

Cando se cumpran estes casos, pódense incluír recursos alleos con dereitos de autor, sempre indicando o autor da obra e no seu caso o URL do recurso. O emprego deste tipo de recursos, acolléndose ao dereito de cita, será con carácter extraordinario polo seu valor pedagóxico, e só se recorrerá a esta opción cando non se poida empregar ningún outro tipo de elemento ou recurso alternativo para ese fin.

A atribución realízase directamente no propio fragmento citado (non no iDevice da páxina de "Créditos"). Ademais, as citas empregadas en cada REA serán notificadas ao correo creagal@edu.xunta.gal.

Licenza Proxecto cREAgal

Os REA do proxecto cREAgal publícanse baixo a licenza Creative Commons CC BY-NC-SA (Atribución - Non Comercial - Compartir Igual).

Dentro deste proxecto temos contidos de produción propia e contidos de terceiros:

1. Contidos de produción propia. Distribúense coa devandita licenza (CC BY-NC-SA).

Isto implica que calquera é libre de:

  • Copiar, distribuír e comunicar publicamente a obra.
  • Facer obras derivadas.

Baixo as condicións seguintes:

  • Recoñecemento - Debe recoñecer os créditos da obra da maneira especificada pola persoa autora ou o licenciadora (pero non dunha maneira que suxira que ten o seu apoio ou apoian o uso que fai da súa obra).
  • Non comercial - Non está permitido usar o material con fins comerciais.
  • Compartir baixo a mesma licenza - Se altera ou transforma esta obra, ou xera unha obra derivada, só pode distribuír a obra xerada baixo unha licenza idéntica a esta, é dicir, baixo unha licenza Creative Commons BY-NC-SA.

2. Contidos de terceiros. Incluídos nos contidos pódense atopar elementos de terceiros. En todo caso, a utilización de recursos de terceiros realizarase respectando as licenzas de distribución que son de aplicación, tendo en conta que o conxunto do REA se pode considerar unha colección de recursos, co cal sería de aplicación a seguinte táboa de compatibilidade de licenza:

Compatibilidade de licenzas para coleccións
Creative Commons. Compatibilidade de licenzas para coleccións (CC BY)

Licenzas no proxecto cREAgal

Emendas

A Consellería pon á súa disposición a información máis precisa e correcta posible, aplicando os correspondentes procesos de revisión; con todo, pode suceder que nalgúns casos a información contida nos materiais sexa errónea ou non estea completa ou actualizada. A Consellería dispón dun procedemento para que calquera persoa usuaria poida informar dalgún dos aspectos mencionados; en aras da mellora do servizo que se pretende dar con estes materiais, téñense establecidos os mecanismos necesarios para modificar o que se detectou en cada momento e sexa susceptible de mellora ou substitución. Pode escribir ao correo creagal@edu.xunta.gal.

Nos materiais tamén existen elementos e enlaces a páxinas web que dependen de sitios externos totalmente independentes e alleos ao control da Consellería, por tanto, fóra da súa responsabilidade. Por iso, a Consellería non se responsabiliza dos eventuais erros tipográficos, formais ou numéricos que poidan conter eses elementos externos, nin da exactitude da información contida nos mesmos, nin da aparición de contidos non axeitados ou publicitarios.

Eses contidos externos terán exclusivamente carácter informativo en ningún caso implican relación algunha entre a Consellería e as persoas ou entidades titulares de tales contidos ou titulares dos sitios onde se atopen.

A pesar diso, e usando as canles establecidas en cada caso, rógase a comunicación de calquera incidencia das comentadas, para que poida ser corrixida ou eliminada no menor espazo de tempo posible.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)