Como describir unha imaxe ou vídeo
Baseándonos na diferenciación feita no punto anterior en canto á información relativa aos metadatos dos recursos, trataremos a continuación o elemento de maior importancia cando a unha fonte externa se refire: a descrición da imaxe ou elemento multimedia.
Como é sabido, a lectura automática desta descrición por medio do lector automático de pantalla será a única información da fonte visual para o alumnado con dificultades visuais. Por tanto, a descrición debe ser o máis detallada posible, precisando:
1. Se é unha fórmula matemática (por exemplo, unha imaxe procedente dun editor de Latex) debe transcribir como se lésemos a fórmula ou expresión matemática ou mesmo se fose a solución dun problema enteiro feito con Latex.
E, a continuación, este exercicio debe ser acompañado pola descrición gravada en audio.
2. No caso de enlazar a unha fonte externa como unha imaxe ou un vídeo (de YouTube) por exemplo, sempre haberá que inserir como descrición do vídeo ou da imaxe unha destas dúas opcións:
a) Información para a aprendizaxe
Se a imaxe ou o vídeo contén información requirida para a aprendizaxe:
- a descrición debe ser extensa e cubrir co texto e o audio o que inclúe a imaxe para unha persoa que non poida acceder a devandito formato (por exemplo, como a fórmula anterior)
- no caso do vídeo, se o audio que o acompaña é suficientemente descritivo, tan só hai que enriquecer no texto da descrición o que sexa necesario, pero se non ten audio ou este non describe o contido do vídeo hai que incorporalo nunha descrición textual e auditiva.
b) Elemento decorativo
Se a imaxe ou o vídeo é só un elemento gráfico decorativo pero que non contén información necesaria para a aprendizaxe, basta unha descrición do seu contido.