eXeViewer, a solución para compartir os teus materiais
eXeViewer é unha aplicación web gratuíta e de código aberto que nos permite abrir e visualizar recursos creados con eXeLearning directamente desde o navegador, sen instalar programas nin crear contas de usuario. Está pensada para facilitar a difusión de materiais cando non dispomos de Moodle, WordPress, un blog ou un servidor onde publicar o recurso.
Con eXeViewer podemos abrir dous tipos de arquivos: o arquivo .elpx, propio de eXeLearning, ou un arquivo .zip xerado ao exportar o proxecto como sitio web. Unha das súas principais vantaxes é que o proceso se realiza no propio navegador, de maneira que os arquivos non se soben a un servidor externo.
A ferramenta ofrece dúas formas de uso:
- Cargar arquivo directamente. Podemos arrastrar un arquivo .elpx ou .zip desde o noso equipo e abrilo no navegador. É útil para proxectar o recurso en clase, revisalo ou utilizalo en local. Unha vez cargado, pode funcionar mesmo en contextos con conectividad limitada.
- Cargar desde unha URL. Podemos introducir a dirección dun arquivo .elpx ou .zip almacenado nunha nube ou servidor. eXeViewer xera un enlace que podemos compartir co alumnado para que abra o recurso directamente no seu navegador.
Esta opción resulta especialmente útil cando queremos compartir un REA de forma rápida, mantendo a súa navegación e interactividade, sen necesidade de que o alumnado instale nada. Podemos aloxar o arquivo en servizos como Nextcloud, Google Drive, OneDrive ou un servidor institucional, sempre que o enlace permita a descarga directa do arquivo.
Ademais, temos a opción de instalala no noso equipo e utilizala sen conexión.
NOTA. eXeViewer non rexistra o progreso do alumnado, non xera cualificacións e non almacena os arquivos. O enlace compartido funcionará mentres o arquivo siga dispoñible na localización orixinal. Ademais, nalgúns servizos na nube poden existir límites de tamaño ou restricións de descarga.
En resumo, eXeViewer é unha solución sinxela para visualizar, revisar e compartir recursos de eXeLearning co alumnado sen barreiras técnicas. Só necesitamos o arquivo do recurso e, se queremos compartilo en liña, un enlace estable ao arquivo.