eXeLearning é un programa gratuíto de software libre e de código aberto (open source) deseñado para a creación e edición de recursos dixitais interactivos. É unha ferramenta que permite incorporar unha gran variedade de contidos - textos, imaxes, vídeos, actividades interactivas ou xogos - dunha forma sinxela e estruturada, ofrecendo un aspecto limpo e atractivo. Os recursos creados con eXeLearning teñen deseño responsive, asegurando a súa correcta visualización en calquera dispositivo, e poden exportarse en formatos estándar como HTML, SCORM ou EPUB3, o que favorece a súa difusión en plataformas e repositorios.
Ao longo deste apartado imos coñecer as características xerais da ferramenta e as súas funcionalidades básicas. É importante ter en conta que esta guía está creada para a versión 3.0 e posteriores da ferramenta de escritorio eXeLearning. No caso de ter instalada outra versión é posible que algunhas funcionalidades e indicacións sexan diferentes.
Para comezar a utilizar esta ferramenta, recomendamos ter a man estes dous recursos:
- Manual de eXeLearning. Manual-tutorial que describe as distintas funcionalidades da aplicación.
- Comunidade de usuarios de eXeLearning en Telegram. Comunidade de usuarios de Telegram, na que podemos preguntar e compartir dúbidas, propostas de melloras e desenvolvementos.
Que aspecto teñen os materiais creados con eXeLearning
Os materiais creados con eXe habitualmente componse dunha ou máis páxinas (chamadas tamén nodos) polas que se pode navegar a través dun menú. Na parte central vemos todos os contidos e actividades da páxina do menú na que nos situamos.
Aínda que a estética poida cambiar dependendo do estilo elixido, esta estrutura de contido con menú navegable é a máis común, como se pode ver na imaxe:
O contido de cada páxina estrutúrase en bloques ou "iDevices" que se van incorporando e ordenando, e que á súa vez se organizan en Caixas. Hai diferentes bloques de contidos ou iDevices a incorporar en función do obxectivo, como veremos máis adiante.
Cada páxina do noso recurso creado con eXe estará formada por unha ou varias Caixas con iDevices. Nesta imaxe podemos velo dunha forma sinxela (as caixas aparecen despregadas por defecto, nesta imaxe colapsáronse para que se aprecie mellor o efecto):
O menú aparece na exportación como sitio web.