Saltar navegación

6.5. Música e linguaxe

6.5.1. Repercusión da música na aprendizaxe inicial da lectura

Existe unha crecente literatura científica que mostra que o alumnado que participa en actividades musicais (cantar, tocar instrumentos, recitar ou comprender conceptos musicais) está simultaneamente desenvolvendo tamén destrezas lingüísticas.

A instrución musical beneficia a adquisición da lectura e doutras habilidades lingüísticas:

  • facilita o procesamento dos sons tanto na música coma na linguaxe;
  • mellora o desenvolvemento das habilidades lingüísticas do alumnado con dificultades da linguaxe;
  • incrementa a memoria fonolóxica ou memoria verbal a curto prazo;
  • mellora a aprendizaxe dunha segunda lingua.

6.5.2. Habilidades de procesamento fonolóxico

As habilidades de procesamento fonolóxico refírense ás operacións mentais que fan uso de información fonolóxica ou sonora cando se procesa a linguaxe oral e escrita. Divídense en tres tipos:

  • Conciencia fonolóxica
  • Memoria fonolóxica (coñecida tamén como memoria verbal a curto prazo): refírese á capacidade para manter información verbal na memoria de traballo.
  • Velocidade de denominación: a habilidade para recuperar rápida e facilmente información verbal da memoria a longo prazo (por exemplo, nomear números, letras, cores, obxectos…).

Estas habilidades están vinculadas ao éxito na aprendizaxe lectora.

6.5.3. As cancións infantís

As cancións infantís son unha ferramenta moi útil para traballar as habilidades de procesamento fonolóxico no seu conxunto, dado que posibilitan traballar a conciencia fonolóxica (por exemplo, a identificación de rimas, do fonema inicial etc.) e manter información fonolóxica na memoria a curto prazo, así como mellorar o acceso á información fonolóxica almacenada na memoria a longo prazo.

Recoméndase que, á hora de deseñar cancións infantís, se atenda ás seguintes cuestións:

  • Empregar palabras frecuentes no vocabulario infantil.
  • Acompañar as cancións de debuxos que as representen, focalizándose en determinadas palabras clave.
  • Que os debuxos integren a súa representación escrita (en Educación Infantil, esta representación adóitase iniciar en letras maiúsculas, podendo finalizar a etapa cunha aproximación ás letras minúsculas).
  • Cada tarefa hase de iniciar con exemplos, de xeito que o alumnado saiba en que consiste a tarefa.
  • É recomendable explicar os conceptos “sílaba” ou “rima” de forma comprensible (“anaquiños”, “palabras amigas”). 
  • Seguir unha progresión gradual das tarefas (comezar por tarefas de identificación de palabras ou rimas, continuar por sílabas e, en último lugar, fonemas).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)