Neste desenvolvemento e afondamento da competencia lectora, cobran relevancia a profundidade léxica, os coñecementos previos sobre o tema, o dominio dos diferentes textos e estruturas, a prosodia e a lectura fluída, así como dispoñer de estratexias de autorregulación da lectura. Todo o anterior require dun ensino explícito e sistemático, do mesmo xeito que tamén debemos dotar o alumnado de ferramentas que fagan visible aquilo que está implícito no texto.
Desde as etapas iniciais ás máis avanzadas, faise necesario un traballo sistemático nas habilidades e estratexias para mellorar a comprensión lectora, o que implica planificacións específicas en inferencias, conexión cos coñecementos previos e desenvolvemento do pensamento crítico.
Unha das intervencións fundamentais en relación coa comprensión lectora consiste en dotar o alumnado de estratexias para desenvolver a comprensión literal (información explícita) e a comprensión inferencial (información implícita).
Xa desde a linguaxe oral hai unha habilidade que se considera «pedra angular da comprensión». Cando alguén fai unha inferencia, activa o coñecemento previo e logo integra ese coñecemento coa nova información. Realizar actividades explícitas para desenvolver o pensamento inferencial axuda o alumnado a elaborar conexións, establecer relacións, deducións e a resolver problemas. Así se promoven un pensamento crítico e unha comprensión máis profunda.
Por outra banda, a lectura en voz alta e o modelado por parte do docente supoñen unha estratexia eficaz, sobre todo para abordar textos máis complexos ou especializados. Se lemos en voz alta e guiamos o alumnado mediante estratexias de comprensión (realizando preguntas, explicando partes do texto...), este integrará os devanditos procesos e aplicaraos de forma autónoma.
Hai que prestar atención a estratexias como a aprendizaxe cooperativa: ler e debater en grupo pode favorecer o intercambio de ideas e de formas de interpretar o texto; mellora o desenvolvemento da linguaxe e o pensamento crítico. Así, realizar discusións guiadas en relación a un texto concreto axuda o alumnado a construír significados de forma conxunta e tamén a mellorar a súa competencia comunicativa.
O máis complexo de todos os aspectos é conseguir desenvolver o hábito lector. Para iso, é necesario proporcionar contornas ricas en textos nos que se fomenten lecturas variadas e que, na medida do posible, estean relacionados con intereses persoais do alumnado. Gozar da lectura fomenta o interese pola mesma, o que supón un piar importante para o desenvolvemento integral da competencia lectora.
O desenvolvemento da competencia lectora depende en gran medida de tres habilidades fundamentais: a precisión, a exactitude e a fluidez. Estas habilidades permiten ao alumnado descifrar as palabras con rapidez, comprender e gozar plenamente do texto que len.
En Educación Infantil é esencial sentar as bases para un futuro desenvolvemento lector sólido. Isto lógrase traballando de forma específica a conciencia fonolóxica, a velocidade no recoñecemento de palabras e a organización do discurso.
O informe do National Reading Panel define a fluidez lectora como a habilidade para ler un texto continuo de maneira precisa, automática e cunha entoación expresiva ou prosódica.
Tradicionalmente, esta capacidade avaliouse mediante o número de palabras correctamente lidas por minuto. A fluidez lectora é esencial desde os primeiros anos escolares, xa que se identificou como un factor determinante na comprensión do texto. Unha fluidez deficiente indica que hai un problema, aínda que non revela por si soa cal é a súa orixe.
Os compoñentes da fluidez lectora son:
• Precisión: para alcanzar unha lectura fluída, é imprescindible que o alumnado comprenda correctamente a relación entre letras e sons e sexa capaz de unir estes sons de forma adecuada ao ler. Se alguén presenta dificultades nestes procesos, é necesario implementar intervencións que identifiquen que correspondencias entre grafemas e fonemas non foron adquiridas e que as ensinen de maneira explícita. Estas intervencións deben incluír a conciencia fonémica, a descodificación de palabras complexas e a práctica con textos conectados.
• Automatismo: é a capacidade para recoñecer palabras escritas de maneira rápida e sen esforzo consciente. Cando se consegue, a mente queda libre para centrarse en entender o contido do texto.
• Prosodia: é a capacidade de ler coa entoación e expresividade adecuadas. Implica identificar correctamente a sílaba tónica, entoar as frases de maneira apropiada e facer pausas cando corresponde. Unha boa comprensión favorece a lectura expresiva e viceversa; especialmente en textos extensos, unha lectura prosódica mellora a comprensión.


