Cando falamos da competencia lectora referímonos a unha habilidade complexa: mentres lemos, póñense en marcha distintos procesos e coñecementos. PISA sinala que a competencia en lectura inclúe unha ampla gama de competencias cognitivas e lingüísticas, desde a descodificación básica ata o coñecemento das palabras, a gramática e as estruturas lingüísticas e textuais máis amplas para a comprensión, así como a integración do significado co coñecemento do mundo. Tamén inclúe as competencias metacognitivas: a conciencia e a capacidade de utilizar unha variedade de estratexias apropiadas ao ler textos. Estas habilidades non se desenvolven de forma espontánea nin automática. Requiren un ensino sistemático, intencional e explícito. Só a través dunha intervención educativa estruturada e deliberada é posible fomentar un desenvolvemento sólido e eficaz da competencia lectora.
O desenvolvemento desa competencia lectora permitirá:
• Crear lectores competentes: persoas capaces de comprender, interpretar e extraer conclusións de textos en función de distintos obxectivos.
• Fomentar o pensamento crítico: recoñecer información enganosa e avaliar a fiabilidade dun texto.
• Potenciar o pensamento autónomo: analizar a información e tomar decisións fundamentadas por si mesmos.