5.3.1 O ensino das correspondencias entre letras e sons
O coñecemento das correspondencias entre letras e sons leva consigo habilidades tales como que se coñeza o son, a forma da letra, memoria motora que implica o trazo, a discriminación respecto a outros cos que comparten trazos, coñecemento do nome, o recoñecemento visual… No ensino da descodificación convén:
• un traballo sistemático, explícito e sen erros;
• a retroalimentación co alumnado ha de ser explícita, inmediata e centrada na tarefa que esteamos a desempeñar:
• convén facer revisións acumulativas e frecuentes do ensino;
• respecto dos recursos, convén que sexan variados e que promovan a estimulación multisensorial (aspectos visuais, acústicos, táctiles, articulatorios ou motores).
• a aprendizaxe ha de ser transferible a situacións novas.
Estratexias para axudar a lembrar os sons que representan as letras (Ripoll):
• relacionar o grafema cunha palabra ou imaxe dunha palabra familiar que comece polo fonema que representa;
• crear historias sobre as letras, nas que se mostre a súa relación co son que representan e aparezan varias palabras que comecen por ese son;
• asociar o grafema cun xesto que lembre o fonema que representa;
• vincular o grafema cunha representación da boca (un articulema) na posición de pronunciación do fonema que representa.
