A lectura é unha das habilidades máis relevantes que aprendemos na nosa infancia. Abre a porta a innumerables aprendizaxes, e senta as bases da maioría da formación educativa futura. Esta habilidade, ademais, é importante para o desenvolvemento persoal e social do individuo.
A competencia lectora é un concepto moi amplo que inclúe a comprensión lectora e vai máis aló. É unha habilidade que comporta tanto a práctica da lectura e a súa comprensión coma o uso da mesma, é dicir, a capacidade de usar o coñecemento obtido dun texto en diferentes contextos. Aínda que existen diferentes propostas, definiremos a competencia lectora como «a capacidade de comprender, utilizar, reflexionar e interactuar con textos escritos co obxecto de acadar obxectivos, desenvolver coñecementos e participar na sociedade».
Mentres que a comprensión lectora se centra no individuo, a competencia lectora engade unha dimensión máis social e pragmática, vinculada á capacidade de aplicar o comprendido na vida cotiá. Dese xeito, a comprensión lectora céntrase en procesos da persoa tales como a realización de inferencias, a interpretación e a construción de significado. A competencia lectora inclúe todo isto e, ademais, amplíase a outros aspectos, como a reflexión crítica, a avaliación do texto e a aplicación do aprendido no mesmo. En conclusión, entendemos que un lector competente o é porque ten capacidade de descifrar, comprender e interpretar o escrito en toda a súa magnitude —desde o literal ata o inferencial ou simbólico —, reflexionar sobre iso, unilo e comparalo con outros coñecementos adquiridos, e utilizar o aprendido en relación con diferentes ámbitos da vida.

