Numerosas investigacións mostraron que intervir de maneira intencionada e sistemática no desenvolvemento da linguaxe oral nas primeiras etapas educativas favorece a adquisición de habilidades lectoras posteriores.
Cando se estimulan de forma intencionada as habilidades da linguaxe oral —como o vocabulario, as habilidades narrativas ou o coñecemento de como funciona o texto escrito facilítase o proceso de aprendizaxe da lectura.
a) Programas para o desenvolvemento do vocabulario
Está demostrado que existen fortes relacións entre os coñecementos do vocabulario e a habilidade de comprensión lectora: a falta de vocabulario asegura o fallo na lectura.
O desenvolvemento do vocabulario na Educación Infantil baséase na exposición frecuente a novas palabras e na posibilidade de usalas en distintos contextos e conversacións sobre temas que resulten motivantes para o alumnado. Recoméndase ofrecer numerosas oportunidades para que os nenos e nenas escoiten e empreguen palabras ao longo do tempo, a través de actividades como a lectura compartida de libros, xogos, e conversacións.
Recomendacións para abordar o ensino do vocabulario en Educación Infantil:
a.1. Ensinar 3-5 palabras á semana e repasar as previas
- Estas palabras deben ser descoñecidas para a maioría do alumnado.
- Deberíanse traballar palabras con carga semántica: substantivos, verbos, adxectivos e adverbios.
- Para seleccionalas, podemos axudarnos dos libros escolares ou de contos apropiados para a idade, tanto textos narrativos como expositivos.
- Recoméndase escoller palabras que sexan relevantes para o grupo, relacionadas coa súa vida, co seu contexto cultural e co que ocorre durante o día na aula.
- Tamén é interesante seleccionar palabras que estean vinculadas a un mesmo tema ou que pertenzan a unha mesma categoría (é dicir, que compartan características comúns). Organizar o vocabulario por categorías temáticas facilita que o alumnado amplíe o seu léxico de forma máis rápida e efectiva.
- Sempre que se poida, debemos escoller temas que resulten atractivos (medios de transporte, os animais ou o corpo humano).
- A exposición a outras palabras que xurdan de forma natural durante o día, a semana ou o mes tamén contribúe ao desenvolvemento do vocabulario.
- Aumentar gradualmente a complexidade das palabras ao longo do ano.
- Ao principio do ano, podemos seleccionar palabras que sexan fáciles de representar con imaxes (preposicións espaciais, substantivos concretos, verbos e palabras descritivas -adxectivos e adverbios-).
- Co tempo, convén incorporar linguaxe abstracta que sexa máis difícil de representar en imaxes (substantivos e verbos abstractos, preposicións, palabras de ligazón ou outras palabras comunmente usadas na escola que non son fáciles de visualizar, como «tamén», «por que », «correcto» ou «familiar»).
- Algunhas propostas sinalan que deberiamos seleccionar palabras do nivel 2; pero con alumnado con dificultades ou en situacións de desvantaxe sociocultural, probablemente sexa necesario traballar palabras que pertenzan ao nivel 1.

a.2. Ensinar as palabras e o seu significado
No ensino do vocabulario distínguense principalmente dous modos:
- a aprendizaxe de vocabulario implícita prodúcese cando temos contacto coas palabras na linguaxe oral ou escrita;
- a aprendizaxe explícita prodúcese cando facemos actividades pensadas especialmente para aprender palabras novas ou para entender mellor as que xa coñecemos.
Se queremos que o alumnado aprenda o vocabulario dunha forma profunda, que lembre as palabras e as use correctamente non abonda con que as oia: é necesario un ensino explícito e sistemático.
Un coñecemento profundo implica:
- coñecer de forma precisa o significado da palabra, os seus matices e as relacións semánticas que establece (como sinónimos e antónimos);
- coñecer os contextos ou exemplos nos que se usa e relacionala con coñecementos previos;
- coñecer aspectos da súa fonoloxía ou mesmo coñecementos ortográficos, aínda que este último aspecto será máis apropiado para Primaria.

Hai especialistas que sinalan que esta profundidade no coñecemento das palabras inflúe máis na comprensión lectora e da linguaxe que a cantidade total de palabras que se coñecen.
É necesario, polo tanto, explicar os distintos significados que pode ter unha palabra e aclarar cal se relaciona coa que aparece no libro que estamos a traballar. É recomendable utilizar definicións amigables para o alumnado, poñer exemplos e contraexemplos da mesma.
Cando se está traballando unha palabra nova recoméndase que o alumnado a repita. Tamén é beneficioso introducir actividades de conciencia fonolóxica sobre as palabras que se están traballando e que utilicemos imaxes para representalas. Adicionalmente poderíase mostrar un breve vídeo para proporcionar máis información sobre o significado da palabra. Pódense realizar xestos para aclarar o seu significado, ou imitar unha acción.
a.3. Deseñar actividades para usar as palabras traballadas
Cantas máis veces escoite o alumnado as palabras que queremos ensinar e cantas máis veces as produza, máis facilmente as aprenderá.
Será crucial organizar situacións nas que as palabras aparezan durante o xogo ou a lectura:
- Pódese guiar o alumnado para representar a palabra usando figuras, monicreques ou outros obxectos.
- Podémoslle pedir que comparta algo relacionado coa palabra ou poñer imaxes ou tarxetas para que faga unha frase utilizando a palabra nova.
a.4. Reintroducir as palabras en conversacións cotiás
A aprendizaxe eficaz das palabras ocorre principalmente cando o alumnado escoita e usa esas palabras con frecuencia e en diferentes contextos ao longo do tempo. É importante o repaso, co obxectivo de seguir utilizando as palabras ao longo do ano, non só durante a semana en que se ensinan.
Recoméndase buscar maneiras, ao longo do día para reintroducir as palabras de vocabulario obxectivo nas conversacións coa clase. Pódense expor preguntas estratexicamente para animar o alumnado para responder usando as palabras que se foron aprendendo.
Será crucial planificar actividades de repaso ao final da semana ou cada certo tempo para reforzar o uso das palabras aprendidas. Por exemplo, pódese facer unha caixa das palabras onde se van acumulando as palabras mediante tarxetas con imaxes e sácanse para facer unha frase con esa palabra ou para lembrar o seu significado, ou un xogo da oca onde cada casa corresponde cunha palabra traballada.
O programa VALE-K propón un programa estruturado en sete pasos. Pódese consultar un exemplo deste programa na seguinte ligazón.
b) Programas para o desenvolvemento das habilidades narrativas
As habilidades narrativas permítennos construír unha historia ben cohesionada incluíndo:
- un problema ou evento inicial,
- as accións do personaxe para resolvelo e
- as consecuencias ou resultados.
Estas habilidades implican tanto o contido (estrutura da historia) coma a forma (uso da linguaxe complexa, vocabulario, conectores causales e temporais etc.)
O alumnado que desenvolve narracións máis complexas en infantil tende a mostrar un mellor desempeño en tarefas de comprensión lectora nos primeiros anos escolares.
Así, á hora de abordar programas para o desenvolvemento das habilidades narrativas hai que considerar dous aspectos:
- a macroestructura da historia, é dicir relacionar e comprender as diferentes partes que ten esta;
- a microestructura, ou adquisición e produción de novas formas sintácticas e vocabulario.
Para traballar estas habilidades aconséllase seguir estas recomendacións:
1. Comezar ensinando a estrutura da historia antes de abordar aspectos lingüísticos específicos.
É fundamental que o alumnado saiba contar unha historia básica coas súas partes esenciais: personaxe, problema, acción e resultado.
2. Usar múltiples exemplos para favorecer a xeneralización.
É mellor utilizar diferentes historias cunha estrutura parecida para que o alumnado aprenda o patrón común (por exemplo: sempre hai un problema, alguén tenta solucionalo e ocorre algo ao final).
3. Promover a participación activa.
A intervención non debe ser só escoitar o adulto. É importante crear moitas oportunidades dentro da sesión para que o alumnado practique: contar historias, responder preguntas, actuar con monicreques, traballar en parella etc.
4. Contextualizar, descompoñer e reconstruír historias.
A historia debe ser presentada primeiro na súa forma completa, para que o alumnado a entenda en conxunto. Logo analízase por partes (quen é o personaxe, que lle pasou, que fixo, como terminou...) e finalmente reconstrúese toda a historia
5. Usar apoios visuais para concretar aspectos abstractos.
É útil usar debuxos, iconas, pictogramas, organizadores gráficos ou xestos para conceptos como “problema”, “consecuencia”, “sentimentos” ou “obxectivos” iniciais. Despois, débense retirar eses apoios de forma progresiva para non xerar dependencia.
6. Dar retroalimentación de calidade.
Se alguén comete un erro ou se salta unha parte importante da historia, a corrección debe facerse no momento, de forma clara e específica. Por exemplo: “Esqueciches dicir como se sentía o personaxe. Estaba triste, contento...?” ou ben: “Escoita como o digo eu, e agora repíteo ti”.
7. Ofrecer indicacións verbais eficaces.
Recoméndase usar un enfoque de dous pasos: primeiro, facer unha pregunta clara e directa que sirva como guía (por exemplo, “Que fixo o personaxe para solucionar o problema?”). Se o alumnado non responde, dáse un modelo de resposta e pídeselle que o repita (“Di: ‘Xoán foi buscar axuda’”).
8. Adaptar, individualizar e estender a intervención.
A intervención debe ser flexible, axustándose ao grupo ou individuo, e ir progresando en dificultade a medida que o alumnado avanza.
9. Planificar oportunidades para a xeneralización.
O obxectivo é só que o alumnado conte ben historias noutros contextos: na aula, con amigos, coa familia. Por iso, recoméndase involucrar o equipo docente, usar materiais do currículo escolar e mesmo enviar actividades a casa.
10. Facelo divertido e dinámico.
Contar historias debe ser unha experiencia emocionante e motivadora. Pódense usar xogos, monicreques, debuxos, competicións amigables ou dramatizacións. Cando o alumnado se divirte implícase máis, repite máis e aprende mellor.