Saltar navegación

4.2. Dislexia

Existen persoas que, a pesar de teren unha boa comprensión da linguaxe, presentan dificultades na descodificación. Este sería o caso típico do alumnado con dislexia, que ten unha dificultade grave e persistente  para aprender as relacións entre letras e sons, e, polo tanto, non pode descodificar as palabras escritas de maneira precisa e fluída.

O alumnado con dislexia ten dificultades para aprender as relacións entre letras e sons, e para automatizar o recoñecemento rápido e fluído das palabras escritas.

A dislexia non é unha enfermidade, senón un problema grave e persistente para adquirir unha habilidade cultural como é a lectura.

Existen moitos mitos ao redor da dislexia:

• non está relacionada con rotar as letras nin con confundir as palabras ao falar;
• non ten que ver coa confusión entre esquerda e dereita;
• non é un problema de comprensión lectora;
• non é un problema de visión;
• non implica maior creatividade;
• non é conveniente esperar a 2º ou 3º de Primaria para realizar unha intervención educativa: canto máis temperá, intensiva e focalizada, mellor;
• esta dificultade non se trata exclusivamente desde o ámbito clínico.

O alumnado con dislexia benefíciase de programas preventivos aplicados en Educación Infantil que reforcen habilidades como:

• a conciencia fonolóxica,
• programas de ensino da lectura ben estruturados, que inclúan revisións acumulativas e ensinen de forma explícita e sistemática as relacións entre letras e sons.

Tamén é beneficioso introducir nos centros educativos sistemas universais para detectar rapidamente estudantes que comezan a quedar atrás na aprendizaxe da lectura, e aplicar intervencións rápidas, intensivas e focalizadas que ofrezan unha atención temperá cando empezan a presentar dificultades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)