O vocabulario é outro eixo esencial no desenvolvemento lector. Ensinar vocabulario de maneira explícita é unha práctica eficaz en todas as etapas educativas, dado que un vocabulario limitado pode afectar negativamente tanto a comprensión lectora coma o rendemento académico e afectar o autoconcepto como aprendiz. Intervencións temperás e ben deseñadas poden previr estas dificultades e reducir as desigualdades lingüísticas.
O nivel de vocabulario en Educación Infantil predí a comprensión lectora aos oito anos. Así pois, traballar o vocabulario contribúe a reducir as desigualdades lingüísticas e a evitar o “efecto Mateo” (os que parten con vantaxes reciben máis e mellores oportunidades).
Tradicionalmente, a escola centrouse nun modelo terapéutico, que espera a que a dificultade sexa moi evidente para intervir de maneira explícita (“xa falará”). Demostrouse que este modelo non obtén bos resultados, polo que deberiamos virar cara a un modelo preventivo. Isto implica unha detección temperá daqueles aprendices que presentan risco, sen que aínda se convertese nunha dificultade, e proporcionar unha resposta educativa desde o inicio.
A mellora do vocabulario está relacionada tanto co éxito académico coma coa comprensión lectora: o alumnado que ten un vocabulario amplo pode entender conceptos e ideas máis rapidamente ca aquel que ten un vocabulario máis limitado. Pero máis ca o número de palabras que o alumnado coñece, o que impacta máis na comprensión lectora é a profundidade coa que as coñece.
As intervencións que resultaron eficaces para desenvolver o vocabulario en Educación Infantil son:
• Protocolo VAULT
• Protocolo VALE-K
• Modelo de ancorado de vocabulario
A intervención en vocabulario é fundamental en todas as etapas educativas. Unha estratexia efectiva para ensinar vocabulario de maneira explícita e sistemática é a seguinte:
• Paso 1: ofrecemos unha descrición, explicación ou exemplo da nova palabra.
• Paso 2: o alumnado fai unha descrición ou explicación usando as súas propias palabras.
• Paso 3: o alumnado fai un gráfico, debuxo ou esquema (representación non lingüística) que describa o termo.
• Paso 4: brindamos oportunidades para que o alumnado realice actividades de ampliación de forma periódica (identificando sinónimos, antónimos, metáforas, analoxías, raíz da palabra).
• Paso 5: o alumnado comenta periodicamente o vocabulario aprendido, en parellas ou en grupos pequenos.
• Paso 6: involucramos o alumnado periodicamente en xogos onde poida usar os termos aprendidos.
Para elixir o vocabulario que debe ensinarse proponse unha clasificación en tres niveis:
• Primeiro nivel: palabras de uso frecuente e cotián.
• Segundo nivel: palabras non tan frecuentes que se usan en moitas situacións, como o vocabulario académico (palabras como pescudar, alterar, diverso, inmediatez).
• Terceiro nivel: vocabulario específico, con termos que non son transferibles a outras aprendizaxes (por exemplo, fotosíntese, termómetro, materia)