Ademais da intervención para a mellora das habilidades de lectura e a adaptación do material escrito para facilitar a súa accesibilidade e comprensión, temos tamén a posibilidade de incluírmos materiais e metodoloxías alternativas ao uso de textos na aprendizaxe e avaliación de estudantes con dificultades lectoras.
Evidentemente, isto non implica abandonar o uso de textos, senón complementalo, xa que a lectura é unha competencia fundamental que debe aprenderse. Entre estas posibilidades destácanse:
- Linguaxe oral como medio principal. A oralidade é unha ferramenta que permite transmitir coñecementos, construír ideas e avaliar sen necesidade de textos escritos. Explicacións verbais, narracións orais, entrevistas simuladas, conversacións guiadas e exposicións son algunhas formas efectivas de ensinar e avaliar. Por exemplo, un estudante pode demostrar a súa comprensión sobre o ciclo da auga a través dunha explicación oral ou participando nunha conversación grupal.
- Representacións visuais e simbólicas. O uso de imaxes, xestos, sons e obxectos reais ofrece canles alternativas para ensinar e avaliar. As secuencias de imaxes, dramatizacións, maquetas, debuxos e mesmo a música permiten expresar e representar ideas de maneira non verbal. O alumnado pode mostrar o que sabe mediante unha dramatización dun conto, a construción dunha maqueta dun hábitat natural ou unha coreografía que represente unha secuencia de eventos.
- Actividades prácticas e experimentais. A aprendizaxe a través da acción permite que os contidos se comprendan desde a experiencia directa. Experimentos, xogos de roles, actividades de laboratorio, proxectos artísticos e resolución de problemas concretos son formas de incorporar o coñecemento sen recorrer ao texto escrito. En matemáticas, por exemplo, o uso de materiais manipulativos como bloques, regretas ou balanzas permite traballar conceptos abstractos de forma tanxible.
Avaliación a través da acción e a observación. Para avaliar sen textos, pódense utilizar rexistros de observación, rúbricas orais ou demostracións prácticas. O alumnado pode ser avaliado mentres explica en voz alta como resolveu un problema, participa nunha actividade grupal ou representa un concepto con materiais concretos. O importante é valorar o que o alumnado fai, di e mostra, máis aló do que pode ler ou escribir.