Saltar navegación

2.6.2. Recursos técnicos

Lamentablemente, non existe unha gran variedade de recursos tecnolóxicos que nos permitan automatizar a mellora da accesibilidade dos textos escritos. Ademais, en moitas ocasións créanse aplicacións que parten de iniciativas públicas (como proxectos de investigación), que posteriormente desaparecen porque non dispoñen de fondos para o seu mantemento. 

Aínda así, existen algunhas posibilidades, polo que nos centraremos nalgúns exemplos de opcións gratuítas.

  • Lectura fácil: ATECA. É unha aplicación desenvolvida polo Centro Español de Accesibilidade Cognitiva (CEACOG), cuxo propósito é automatizar o proceso de adaptación a lectura fácil. Utiliza intelixencia artificial para analizar textos escritos e suxerir modificacións que os fagan máis comprensibles. Baséase na norma UNE 153101:2018 EX, que ofrece recomendacións para elaborar documentos en lectura fácil, e permite detectar elementos do texto que non cumpren coas súas pautas, proporcionando propostas de mellora. Está actualmente en fase piloto e en proceso de mellora continua. O uso de proba pode solicitarse a través da web do CEACOG (ligazón).
  • Lectores en voz alta e outras melloras de accesibilidade. Existen ferramentas dixitais que axudan a mellorar a accesibilidade adaptando o texto ás necesidades do alumnado. Existen diversos sistemas de conversión de texto a voz, moitos deles gratuítos e específicos de cada sistema operativo. Ademais, algunhas destas ferramentas teñen utilidades adicionais, como a separación de sílabas, o resaltado de categorías gramaticais e mais a modifiación do tamaño, do espazado ou da cor do texto, aínda que na maioría dos casos son aplicacións de pagamento ou complementos gratuítos de programas de pagamento. Algúns tamén permiten engadir traducións e definicións visuais (glosas).
  • Inclusión de pictogramas en textos. O portal do Centro Aragonés para a Comunicación Aumentativa e Alternativa (ARASAAC) ofrece ferramentas en liña para o uso de pictogramas. Unha das súas aplicacións está destinada á creación de frases acompañadas de pictogramas que apoien a comprensión do texto (ligazón).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)