Saltar navegación

2.5.2. Titoría entre iguais

A titoría entre iguais mostrou resultados positivos en varios traballos de sínteses con alumnado da etapa de Educación Secundaria Obrigatoria con necesidades educativas. Trátase dunha estratexia na cal emparellamos o alumnado para que supervise mutuamente a lectura en parellas. É habitual, aínda que non sempre é así, que os papeis de lector e supervisor vaian rotando.

En inglés publicáronse diferentes programas baseados nesta estratexia, sendo os mellor fundamentados:  

  • O programa ClassWide Peer Tutoring (CWPT), habitualmente, impleméntase de maneira semanal, conformando dous grupos que, á súa vez, se agrupan en parellas. Nestas parellas, o alumnado actúa por quendas como lector ou supervisor. O supervisor realiza preguntas (quen, que, cando, onde e por que) e actúa da seguinte forma ante as respostas do lector: 
    • asigna puntos cando é correcta,
    • explica os motivos cando é incorrecta.

Nós tamén damos puntos ao alumnado supervisor polo feito de desempeñar correctamente o seu rol. Todos os días informamos o grupo aula dos puntos que obtivo cada equipo e, o último día da semana, de cal deles conseguiu un número máis elevado.

  • O programa Peer-Assisted Learning Strategies (PALS): en cada unha das sesións os roles de lector e supervisor tamén rotan:
    • Na primeira parte da sesión o alumnado, por quendas, utiliza a técnica de lectura compartida: un membro da parella le en voz alta unha parte do texto, mentres que a outra persoa supervisa a lectura en voz baixa e corrixe os posibles erros (volver ler as palabras de forma illada e na frase na que se atopan).
    • Na segunda parte da sesión, o alumnado le parágrafos do texto por quendas e realiza un resumo que debe incluír: de quen ou de que trata o parágrafo, o máis importante que se di de quen ou o que, e mais a idea fundamental, tentando describila en 10 palabras ou menos. Se o resumo non é adecuado, a persoa que está supervisando solicita a revisión do parágrafo e un novo resumo.
    • Na terceira parte da sesión, o alumnado realiza predicións despois da lectura dunha sección do texto. Normalmente, lese a primeira parte dunha páxina e, a continuación, téntase adiviñar que vai aparecer na segunda metade. Adóitanse realizar tres ou catro sesións semanais duns 35 minutos de duración. O alumnado é recompensado cun punto por cada actividade realizada (lectura, predición, resposta, resumo…), os cales se acumulan para trocalos por premios.

En español contamos cun programa baseado na titoría entre iguais que mostrou bos resultados na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria: Lemos en parellas. Titoría entre iguais para a competencia lectora (Durán e Vidal, 2004).

O alumnado organízase en parellas, segundo o rol previamente asignado: lectura ou supervisión. Estes roles poden ir rotando ou ser fixos; neste caso, outórgase o papel de supervisión ao alumnado que ten máis nivel de comprensión lectora. As sesións organízanse en tres bloques:

  • Lemos en parellas: neste primeiro bloque realízanse
    • actividades previas á lectura (establecer obxectivos de lectura, activar coñecementos previos, elaborar hipóteses…),
    • a lectura por parte de quen ten o rol de supervisión para actuar como modelo,
    • a lectura conxunta, 
    • a lectura por parte de quen ten o rol de lectura, usando a técnica PPP (pause-prompt-praise). Se quen está lendo comete un erro, a persoa que supervisa espera cinco segundos para ver se o corrixe espontaneamente; se non o fai, proporciónalle pistas para facer a lectura correcta e, cando o consegue, eloxia o que fixo. 
  • Comprensión do texto: no segundo bloque compróbanse os obxectivos e mais as hipóteses iniciais, identifícanse as ideas principais e formúlanse e respóndense preguntas (literais, inferenciais e críticas).
  • Lectura expresiva: neste terceiro bloque, quen ten o rol de lectura practica a lectura expresiva do texto.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)