A Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOMLOE) indica no seu preámbulo que a escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo deberá estar rexida polos principios de inclusión e participación, calidade, equidade, non discriminación e igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo e accesibilidade universal para todo o alumnado.
Por outra banda, o artigo 4 establece que, ao longo do ensino básico, se debe garantir unha educación común para todo o alumnado, adoptando a educación inclusiva como principio fundamental, co fin de atender a diversidade das necesidades de todo o alumnado, tanto do que ten especiais dificultades de aprendizaxe coma do que ten unha maior capacidade e motivación para aprender.
En canto á lectura na etapa secundaria, no artigo 18 dise que, co fin de promover o hábito da lectura, se dedicará un tempo a esta na práctica docente de todas as materias.
No artigo 71 concrétase que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) forma parte desa diversidade. Nesta categoría inclúese aquel alumnado que require dunha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, atraso madurativo, trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación, trastornos de atención ou de aprendizaxe, descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, atoparse en situación de vulnerabilidade socioeducativa, altas capacidades intelectuais, incorporación tardía ao sistema educativo ou condicións persoais ou de historia escolar.
No artigo 73 especifícase que o alumnado que presenta necesidades educativas especiais é o que afronta barreiras que limitan o seu acceso, presenza, participación ou aprendizaxe derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conduta, da comunicación e da linguaxe.