Saltar navegación

1.2.1. Avaliación da fluidez lectora

fluidez lectora adóitase considerar na lectura en voz alta e combina:

  • precisión lectora,
  • velocidade,
  • prosodia ou entoación.

A pesar desta aparente complexidade, é un dos aspectos da lectura máis fáciles de avaliar.

Para sistematizar a avaliación da fluidez lectora podemos escoller os compoñentes que máis nos interesen e construír unha rúbrica con eles:

  • Velocidade adecuada e mantida.
  • Continuidade, con pausas adecuadas (ler agrupando unidades de significado, sen silabar nin facer separacións entre palabras).
  • Seguridade na lectura, sen repeticións, rectificacións ou vacilacións.
  • Volume da voz.
  • Entoación.
  • Interpretación dos signos de puntuación.

Na etapa de educación secundaria, a velocidade lectora adóitase medir en palabras por minuto.

Con todo, en alumnado con moitas dificultades de precisión pode ser máis válido utilizar unha medida de palabras correctas por minuto.

As referencias deste tipo deben ser tomadas con moita precaución, xa que a velocidade lectora está influída pola dificultade do texto e por outros factores como os obxectivos de lectura. 

O máis informativo sería dispoñer de referencias de como, curso tras curso, o alumnado le unha selección de textos variados. Estes datos pódense ir acumulando, pero é necesario ter un asesoramento técnico para convertelos en percentís ou outra escala que poida ser útil para valorar o nivel de fluidez.

Medición da velocidade en lectura silenciosa

As formas máis sinxelas de avaliar a velocidade de lectura silenciosa do alumnado dan por suposto que vai actuar con sinceridade ao informar sobre a parte do texto lida. Por outra banda, teñen a vantaxe de que son rápidas e fáciles de aplicar.

Actividades modelo para facer esta medición:

  • Facilitar a todo o alumnado o mesmo texto e pedir que, ao acabar o tempo de lectura, sinale a última palabra lida. Con este dato podemos calcular a cantidade de palabras lidas por minuto. Se deixamos pasar un minuto ata que pedimos facer a marca, o número da palabra sinalada será a cantidade de palabras lidas por minuto.
  • Propoñer unha lectura de oracións nas que o alumnado ten un tempo limitado para sinalar se o seu significado é verdadeiro ou falso ou se a oración ten sentido.
  • Técnica MAZE: na que o alumnado le un texto no que se suprimiron palabras e debe elixir a que corresponde a cada lugar entre tres alternativas. Estas alternativas prepáranse de modo que a resposta sexa evidente para quen realmente está a ler o texto. Anímase ao alumnado para ler o texto rodeando en cada cadro a palabra máis adecuada. Ao cabo dun tempo detense a actividade e calcúlase a velocidade lectora en función do último cadro resolto e do tempo transcorrido.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)