Saltar navegación

2.5.1. Estacións de aprendizaxe

A práctica diferenciada a través de estacións de aprendizaxe é unha estratexia utilizada na codocencia que mostrou bos resultados na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria.

O obxectivo desta estratexia é que o alumnado que que enfronta maiores desafíos educativos dispoña dun apoio intensivo para fortalecer as habilidades e os coñecementos que se consideran fundamentais para unha comprensión lectora efectiva. 

Para mellorar esas habilidades e coñecementos a través desta estratexia usamos recursos didácticos que contan con evidencias como:

  • o modelado,
  • a práctica guiada,
  • a práctica independente.

Posteriormente agrupamos o alumnado en tres grupos en función do nivel alcanzado: revisar, practicar e ampliar.

As dúas persoas que nos encargamos da docencia traballaremos unha co grupo «revisar» e outra co grupo «practicar». 

  • No grupo «revisar» agrupamos o alumnado que presentou maiores dificultades para aplicar as habilidades e os coñecementos ensinados a unha tarefa, por exemplo, elaborar un resumo, realizar predicións sobre os contidos do texto, completar un organizador gráfico ou activar coñecementos previos (práctica individual). Aquí utilizaremos o modelado e a práctica guiada para volver ensinar o contido, adaptando a nosa linguaxe e ofrecendo as axudas e as adaptacións necesarias para que o alumnado poida aplicar sen erros o aprendido.
  • No grupo «practicar» realizamos actividades ou tarefas a través da práctica guiada co alumnado que necesita máis repeticións, pero sen adaptar a dificultade da tarefa.
  • No grupo «ampliar», o alumnado con maior nivel traballa de forma individual aplicando o aprendido a tarefas máis difíciles. As agrupacións son flexibles e o alumnado rota entre os grupos en función das súas necesidades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)