Saltar navegación

Versión Orixinal

Detrás da canción

“O Voso Galo Comadre” é unha canción popular galega, famosa polo arranxo musical que o compositor Miguel Groba fixo dela para interpretar nun coro a catro voces a mediados do século XX.

Miguel Groba (1935-) é un compositor, músico e director galego que dirixiu varios coros, sendo o primeiro director do Coro da Comunidade de Madrid e da Orquestra da Comunidade de Madrid. Compuxo obras para banda, coro e orquestra, así como obras para o teatro e series de televisión. Moitas das súas obras musicais teñen como base melodías e ritmos tradicionais galegos, dando a coñecer a nosa cultura musical de Galicia.


O arranxo vocal de Miguel Groba da canción “O Voso Galo Comadre” está feito para ser interpretado nun coro de 4 voces mixtas (masculinas e femininas):
- soprano: voz aguda feminina que interpreta a melodía principal nunha tesitura aguda.
- contralto: voz grave feminina que interpreta un dúo nunha tesitura máis grave.
- tenor: voz aguda masculina que complementa ao dúo das voces femininas e ao acompañamento máis grave.
- baixo: voz grave masculina que se encarga do soporte rítmico e harmónico de toda a canción, seguindo un patrón rítmico-harmónico continuo.


A sonoridade e xogo musical especial que o compositor logrou acadar con este arranxo vocal, fixo que a canción se popularizase en todos os coros de España, incluíndoa no seu repertorio, interpretándoa e conseguintemente, espallando a música galega por todo o territorio español.


As características musicais máis importantes de “O Voso Galo Comadre” resúmense aquí:
- ten un ritmo binario de subdivisión ternaria 6/8, característico da música tradicional galega máis bailable, como a muiñeira.
- o tempo é allegro, producindo axilidade e dinamismo na súa interpretación.
- a melodía componse principalmente de saltos interválicos, motivando ao oínte a cantar e bailar.
- a harmonía desenvólvese na tonalidade de Re Maior e susténtase en patróns con saltos dende a nota fundamental (I -RE) á dominante (V -LA), creando un soporte e acompañamento harmónico-rítmico continuo.
- a estrutura da canción é: INTRO – ESTROFA 1 – RETROUSO – ESTROFA 2 – RETROUSO – ESTROFA 3 – RETROUSO.

Extracto e tradución da BNE