Versión Orixinal
Detrás da canción
“Pousa, Pousa” é unha muiñeira nova tradicional que acadou gran popularidade ao ser interpretada polo grupo de música tradicional galega “A Roda” na segunda metade do século XX.
A Roda naceu en 1976, durante a transición, formado por amigos que adoitaban cantar nas tabernas. O seu primeiro disco, que incluía clásicos como este "Pousa, pousa", "O andar miudiño" e "O gato", foi un éxito de vendas e acadou en 1978 un dos Premios da Crítica de Galicia. 
A muiñeira é un baile e unha composición musical tradicional galega. O baile é executado por unha ou varias parellas soltas e como xénero musical distínguese polo seu compás de 6/8, rápido e alegre, e adoita ser interpretada con gaitas ou pandeiretas.
Consérvanse dous tipos principais de muiñeira:
1. A muiñeira vella (tamén chamada ribeirana, ou empuñada polo particular xeito de tocarse na pandeireta) na que se acentúa a segunda corchea, producindo unha sensación rítmica diferente.
2. A muiñeira nova, ou punteada, é unha danza folclórica galega de ritmo rápido. As súas características son:
- a súa orixe é discutida, pero comunmente afírmase que este baile naceu nos muíños onde se moían o trigo e máis o millo. As mulleres que traballaban alí tiñan que esperar algún tempo a que o millo estivese a punto, e para pasar o tempo bailaban.
- acentúase a primeira corchea das tres que compoñen o ritmo base.
- como baile, a muiñeira nova segue o esquema coreográfico tradicional no que un grupo de parellas de homes e mulleres bailan facendo coreografías baseadas en táboas ou rodas.
- a danza era colectiva, normalmente de tres a oito parellas colocadas fronte a fronte formando unha ringleira.
- a estrutura musical, composta de estrofa (copla) e retrouso (volta), reflíctese na danza en xeito de punto e paseo. Un home interpretaba un punto, construído máis ou menos improvisadamente a base de saltos, picados e outras figuras, e o resto do grupo repite os movementos varias veces, mentres dure a parte da copla. Durante a parte de volta da melodía, o grupo realizaba paseos, en círculo, xirando as filas sobre o seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto punto como paseos execútanse cos brazos en alto ou facendo leves debuxos que dan máis graza á interpretación.
- interpretábase en festas, romarías e canta xuntanza social o permitía. Se se dispuña de gaita, preferíase esta; pero senón, un grupo de percusión máis ou menos improvisado.
Nas interpretacións musicais da música tradicional galega existía sempre un certo grao de improvisación, sobre todo naqueles xéneros propensos á espontaneidade. Mediante sinais, os músicos indicaban a fin da peza, ou cunha copla que o indicase expresamente.
Extracto e tradución da Wikipedia
Ficheiro adxunto
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0