Reflexións previas

Dispoñer dunha pantalla de proxección conectada a un ordenador na nosa aula vainos permitir presentar a todo o alumnado calquera tipo de información como se tivéramos unha pizarra convencional pero coa ventaxa de que podemos incluir todo tipo de recursos audiovisuais e interactivos que poidamos ter no noso equipo.

A presentación de textos vai mellorar significativamente xa que desde o noso teclado imos poder suliñar, usar distintas tipoloxías de letra, distintas cores, distintos tamaños e o feito de traballar desde un ordenador vainos permitir gardar o traballo para retomalo noutra sesión, se o proceso de ensino-aprendizaxe así o demanda.

 

Se ademais a pantalla nos permite interactividade , como é o caso do EDI das aulas Abalar, a facilidade de conexión co alumnado vese moi mellorada tanto desde o punto de vista dun estilo de aprendizaxe baseado na figura do mestre como nun centrado no alumnado.

 

En momentos nos que o desenrolo da práctica de aula así o demande, o profesor pode apoiarse nas funcionalidades do EDI para:

1.Reforzar as súas explicacións proxectando páxinas web, imaxes, vídeos, textos...etc. Poden ser materiais recollidos da rede ou elaborados polo propio profesorado ben de maneira individual, ben de maneira colaborativa. Co sofware do EDI, é posible tamén incorporar novos elementos a eses materiais que reforcen o seu contido didáctico e que os fagan máis atractivos para o alumnado.

 

2.Realizar de maneira colectiva e colaborativa actividades interactivas feitas con ferramentas de autor como Edilim ou Ardora promovendo discusións e debates entre o alumnado sobre os contidos desas actividades que fagan máis dinámica a súa implementación na aula.

 

3.Participar en chats ou videoconferencias con outros grupos de alumnos e establecer deste xeito canles de traballo colaborativo entre grupos de lugares ou culturas diferentes.

 

Pero o EDI non é util unicamente para eses momentos nos que o profesorado ocupa o lugar central do proceso. O alumnado participa e emprega esta ferramenta manipulándoa directamente como un elemento máis do proceso de traballo diario de moitas maneiras:

 

1.Soporte para a presentación do seu traballo: ofrécelle ao alumnado a posibilidade de elaborar e presentar as tarefas finais de webquest, miniquest e todo tipo de traballo de investigación que se lle propoña.

 

2.Mantemento do blog de aula: coa axuda dun rato e dun teclado inalámbricos o alumnado pode crear e comentar os contidos que se colgan no blog da aula facendo que o proceso de construcción e mantemento dese blog sexa máis aberto, participativo e colaborativo.

 

3.Realización e incluso creación de materiais multimedia que logo poderán presentar ao resto dos compañeiros e compañeiras para que estes os empreguen como apoio ao traballo escolar.

 

Por todo o dito anteriormente o EDI é unha ferramenta moi potente que nos vai permitir empregar de maneira eficaz gran cantidade de recursos dixitais que están ao noso alcance tanto en local como na rede.

 

Este módulo vaite guiar ao longo dun proceso de creación de actividades co software de Notebook porque pensamos que é un bo xeito de coñecer o funcionamento e as potencialidades do EDI mais cómpre salientar que estamos ante unha ferramenta que se pode empregar para moitas máis cousas que a realización de actividades feitas con este software: é unha maneira de presentar e interactuar con todos os contidos que podemos ver a través do monitor do ordenador.

 

Se vas empregar para este curso un portátil de aula Abalar xa ten instalado o software de Notebook 10. No caso de que empregues outro equipo debes descargalo, rexistralo e instalalo como se explica no seguinte apartado.