Saltar navegación

5.2. Marco conceptual e metodolóxico

O marco de PIRLS actualízase periodicamente para adaptarse aos cambios nos hábitos lectores, ás demandas educativas e ao avance tecnolóxico. Aínda que os textos e as tarefas varían en cada ciclo, a escala de rendemento mantense estable desde 2001, o que permite analizar a evolución dos resultados ao longo do tempo. PIRLS 2021 incorpora dúas modalidades complementarias: a versión tradicional e ePIRLS, centrada na lectura en contornos dixitais simulados.

A avaliación estrutúrase a partir de dúas dimensións.

  • os propósitos da lectura, que inclúen:
    • a lectura por experiencia literaria, vinculada a textos narrativos,
    • a lectura para adquirir e usar información, asociada a textos expositivos ou instrutivos.
  • os procesos cognitivos da comprensión lectora, que abranguen:
    • a localización de información explícita (20% das preguntas),
    • a extracción de conclusións directas mediante inferencias básicas (30%),
    • a interpretación e integración de ideas a partir dunha comprensión global do texto (30%),
    • a análise e avaliación crítica do contido, da intención e da credibilidade (20%).

ePIRLS céntrase exclusivamente na lectura informativa en liña e recrea tarefas reais de investigación escolar. O alumnado debe navegar entre páxinas web, seleccionar información relevante e aplicar estratexias propias da lectura dixital. Aínda que se teñen en conta aspectos técnicos da navegación, o obxectivo principal continúa sendo a avaliación da comprensión lectora.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)