PIRLS define a competencia lectora como a capacidade de comprender e utilizar textos escritos valorados socialmente ou polo propio lector, integrando dimensións funcionais, sociais e persoais desde enfoques cognitivos, socioculturais e metacognitivos. A lectura concíbese como unha actividade construtiva e interactiva, na que o significado se constrúe a partir da relación entre o texto, os coñecementos previos e o contexto.
O proceso de comprensión lectora require a aplicación de estratexias cognitivas, como a inferencia, a predición ou a síntese, así como estratexias metacognitivas, como autoavaliación. PIRLS salienta que o contexto de lectura inflúe no proceso: un entorno motivador e textos axeitados favorecen a comprensión, mentres que contextos pouco contextualizados ou textos excesivamente complexos poden dificultala.
Recoñécese tamén que a lectura responde a distintos propósitos (aprender, informarse, participar en comunidades lectoras ou gozar), o que se reflicte tanto na selección de textos coma nas tarefas de avaliación. Así mesmo, destácase a importancia de comprender as convencións discursivas dos distintos xéneros textuais, incluídos os textos informativos e dixitais.