Saltar navegación

2.1. Aspectos xerais na aprendizaxe da lectura

A aprendizaxe da lectura implica o desenvolvemento de dúas habilidades básicas:

  • a comprensión da linguaxe e
  • a descodificación, entendida como o recoñecemento fluído das palabras con precisión, velocidade e prosodia axeitada.

A investigación actual pecha a coñecida guerra dos métodos ao concluír que o método fonético é o máis eficaz, tanto para o alumnado en xeral como para aquel con NEAE, fronte aos métodos analíticos baseados no recoñecemento global de palabras.

O método fonético ensina de forma explícita e sistemática as correspondencias entre grafemas e sons, permitindo ao lector acceder ás palabras pola ruta fonolóxica. A través da práctica, estas palabras pasan a almacenarse no léxico visual, facilitando unha lectura automática. Pola contra, os métodos analíticos limitan o recoñecemento ás palabras ensinadas e dificultan a lectura de palabras novas, especialmente no alumnado con NEAE, que presenta grandes dificultades para deducir o código alfabético de maneira espontánea.

Aínda que o método fonético é o máis axeitado, no alumnado con NEAE os avances iniciais poden ser lentos. Nestes casos, recoméndase combinar o método fonético cun enfoque analítico, para facilitar un acceso temperán á representación da linguaxe oral. En situacións de maiores dificultades, o proceso lector pode prolongarse ata a Educación Secundaria Obrigatoria, aínda que a lectura resulta clave para o desenvolvemento escolar e a calidade de vida.

Propostas como as de Monfort e Juárez baséanse no uso inicial dun número reducido de palabras significativas apoiadas con imaxes, mediante xogos de asociación progresivos. Paralelamente, trabállase o acceso á vía fonolóxica a través da identificación e denominación de grafemas, a unión silábica con modelado e fonación conectada, e a lectura de palabras. En alumnado non verbal usuario de sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, estas estratexias adáptanse omitindo a produción oral e reforzando a asociación palabra-imaxe.

As estratexias descritas contan con respaldo científico e resultan eficaces tanto para a ensinanza inicial da lectura no alumnado con NEAE como para a mellora da descodificación en xeral.

Do mesmo xeito que a comprensión lectora inclúe distintos compoñentes, a comprensión da linguaxe tamén se compón de varias subhabilidades. O modelo directo e de mediación inferencial identifica como elementos fundamentais:

  • os coñecementos previos,
  • o vocabulario,
  • a habilidade inferencial e
  • as estratexias de comprensión, entendidas como procedementos diversos que axudan a resolver dificultades de comprensión e a profundar no significado dos textos.

Este modelo resulta especialmente relevante para o deseño de programas de mellora da comprensión lectora, xa que existe evidencia de que o traballo sistemático destas subhabilidades na aula mellora a comprensión tanto no alumnado en xeral como no que presenta NEAE. Por este motivo, deben abordarse desde as primeiras etapas da escolaridade, con especial atención ao alumnado máis vulnerable.

Independentemente das necesidades específicas do alumnado, a investigación sinala como máis eficaces para a ensinanza inicial da lectura e para a mellora da descodificación e da comprensión lectora metodoloxías e recursos como:

  • a ensinanza directa,
  • o modelado,
  • a práctica guiada e independente,
  • a retroalimentación correctiva,
  • a andamiaxe e a aprendizaxe sen erro,
  • os repasos acumulativos,
  • a secuenciación progresiva da dificultade,
  • os reforzos verbais e
  • as intervencións intensivas, preferentemente individuais ou en pequeno grupo.

Complementariamente, tamén se mostran útiles outros enfoques como as estacións de aprendizaxe e a lectura estratéxica colaborativa, que contribúen a reforzar a aprendizaxe lectora de maneira estruturada e significativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)