Saltar navegación

3.3. Alternativas ao material escrito

Para a mellora das habilidades de lectura, ademais das adaptacións que inciden na accesibilidade e comprensión do material escrito, podemos empregar, como complemento ao uso de textos, outros materiais e metodoloxías que resultan útiles para a aprendizaxe e a avaliación do alumnado con dificultades. Entre eles destacan:

a) A linguaxe oral

O uso de imaxes, xestos, sons e obxectos reais ofrece canles alternativas para aprender e avaliar.

O alumnado pode demostrar o que sabe mediante a dramatización dun conto, a construción dunha maqueta sobre un hábitat natural ou a través dunha coreografía que represente unha secuencia de eventos.

Explicacións verbais, narracións, entrevistas simuladas e exposicións permiten transmitir coñecementos e avaliar sen necesidade de textos escritos.

b) Actividades prácticas e experimentais

Experimentos, xogos de roles, actividades de laboratorio, proxectos artísticos ou resolución de problemas concretos son formas de incorporar o coñecemento sen recorrer ao texto escrito.  O uso de materiais manipulables permite aprender conceptos abstractos mediante a acción directa.

c) Avaliación a través da acción e a observación

Para avaliar sen textos poden empregarse rexistros de observación, rúbricas orais ou demostracións prácticas. O importante é valorar a comprensión e habilidades do alumnado máis aló da lectura ou da escritura.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)