Saltar navegación

3. Avaliación da fluidez lectora

A fluidez lectora avalíase habitualmente a través da lectura en voz alta e integra tres compoñentes principais:

  • precisión,
  • velocidade,
  • prosodia ou entoación.

Aínda que combina varios aspectos, é un dos indicadores máis sinxelos de avaliar e resulta moi informativo para detectar dificultades lectoras ou facer seguimento das melloras do alumnado.

Na avaliación da fluidez considéranse criterios como:

  • a velocidade axeitada e sostida,
  • a continuidade da lectura con pausas adecuadas,
  • a seguridade (sen repeticións nin vacilacións),
  • o volume da voz,
  • a entoación,
  • a interpretación dos signos de puntuación.

Para sistematizar esta valoración, pódense seleccionar os trazos máis relevantes e recollelos nunha rúbrica, como as que propoñen autores como Calero.

A velocidade lectora pode medirse mediante o cálculo de palabras lidas por minuto ou de palabras correctas por minuto, sendo esta última especialmente útil nos cursos iniciais ou en alumnado con dificultades, ao ter en conta os erros cometidos. Existen referencias especializadas que avalan este tipo de medidas, e mesmo os sistemas de intelixencia artificial poden servir de apoio para a elaboración destas rúbricas de avaliación.

Porén, a velocidade lectora debe ser tomada con moita precaución, xa que está influída pola dificultade do texto e polos obxectivos de lectura do mesmo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)