Nesta páxina atoparás todo o que necesitas saber sobre o Programa do Diploma IB no IES do Castro: en que consiste, a quen vai dirixido, que materias se cursan, como funciona a avaliación e cal é a vía de acceso á universidade.
Introdución
O Programa do Diploma
O Programa do Diploma é un currículo esixente e estimulante de dous anos de duración, dirixido ao alumnado de 16 a 19 anos, recoñecido polas universidades de todo o mundo.
Vai moito máis alá da transmisión de coñecementos: prepara ao alumnado para formularse preguntas complexas, aprender a aprender e desenvolver unha identidade persoal e cultural sólida, ademais da capacidade de comprender e comunicarse con persoas doutras culturas.
Duración
Dous cursos de bacharelato, en paralelo co Bacharelato LOMLOE.
Recoñecemento internacional
O Diploma é recoñecido como vía de acceso á universidade en máis de 150 países.
Dobre titulación
Ao rematar, o alumnado obtén o título de Bacharelato LOMLOE e o Diploma do IB.
Gratuíto
O IES do Castro non cobra ningunha cota. A Consellería de Educación financia o programa.
Requisitos e perfil
A quen vai dirixido
O Programa do Diploma está pensado para un alumnado con curiosidade intelectual, capacidade de traballo autónomo e motivación para enfrontarse a unha carga académica esixente.
No IES do Castro, o alumnado que se incorpora ao BI cursa ao mesmo tempo o Bacharelato LOMLOE, xa que ambos os programas se desenvolven en paralelo durante os dous cursos. Ao rematalos, o alumnado obtén as dúas titulacións: o título de Bacharelato e o Diploma do IB.
O alumnado obtén
Currículo
As materias no IES do Castro
O alumnado escolle seis materias distribuídas en seis áreas temáticas. Normalmente tres estúdianse a Nivel Superior (NS, 240 horas) e tres a Nivel Medio (NM, 150 horas). A oferta do centro organízase en tres itinerarios:
| Área | Ciencias e Tecnoloxía | Ciencias Sociais | Humanidades |
|---|---|---|---|
| Lingua e Literatura | Español (NS) | Español (NS) | Español (NS) |
| Lingua Estranxeira | Inglés B (NS) | Inglés B (NS) | Inglés B (NS) / Latín (NM) |
| Individuos e Sociedades | Filosofía (NS) | Filosofía (NS) / Sociedade Dixital (NM) | Filosofía (NS) / Sociedade Dixital (NM) |
| Ciencias Experimentais | Química (NM) / Física (NM) / Bioloxía (NM)* | Sistemas Ambientais e Sociedades (NM) | Sistemas Ambientais e Sociedades (NM) |
| Matemáticas | Análise e enfoques (NM) | Aplicacións e interpretacións (NM) | Aplicacións e interpretacións (NM) |
* O alumnado que non escolla Bioloxía deberá cursar Debuxo Técnico ou Tecnoloxía e Enxeñaría e examinarse obrigatoriamente de Física NM.
O alumnado cursará ademais o resto das materias do Bacharelato LOMLOE (Lingua Galega, Educación Física, Historia…).
Compoñentes obrigatorios
O tronco común
Ademais das seis materias, todos os alumnos e alumnas deben completar tres compoñentes obrigatorios que constitúen o eixo central da filosofía do Programa.
Monografía
Traballo escrito de investigación independente de non máis de 4.000 palabras, no que o alumnado escolle un tema de interese propio, formula unha pregunta de investigación e desenvolve unha resposta argumentada con rigor académico, baixo a titoría dun profesor ou profesora do centro.
Constitúe unha primeira aproximación ao tipo de traballo que se atopará na universidade.
Teoría do Coñecemento
Curso interdisciplinario que invita ao alumnado a reflexionar sobre a natureza do coñecemento nas distintas disciplinas e a apreciar outras perspectivas culturais.
O alumnado elabora un ensaio externo e unha exhibición avaliada internamente, nos que demostra a súa capacidade de pensar criticamente sobre como se constrúe e valida o coñecemento.
Creatividade, Acción e Servizo
Participación en actividades artísticas, deportivas e de servizo á comunidade ao longo dos dous cursos. O centro organiza e supervisa as actividades para que todo o alumnado poida cumprir coas 150 horas requiridas.
Sistema de avaliación
A avaliación
O alumnado recibe a avaliación trimestral e as notas finais do Bacharelato LOMLOE como calquera outro alumno/a do centro. A avaliación do Programa do Diploma ten dúas modalidades:
Avaliación interna
Traballos de indagación realizados ao longo do curso, adaptados á natureza de cada materia: investigacións de laboratorio en Ciencias, exploracións matemáticas, exercicios orais en Linguas…
Son unha forma de avaliación auténtica que permite ao alumnado desenvolver un proxecto de investigación en boa medida independente, empregando os métodos propios de cada disciplina.
O profesorado do centro cualifica estes traballos en primeiro lugar; despois, unha mostra representativa é enviada á organización IB para ser moderada por examinadores externos.
Avaliación externa
Realízase no segundo curso, antes das probas PAU, nunha sesión de exames convocada pola organización IB en maio. Cada materia ten os seus propios exames, habitualmente dous ou tres papeis por disciplina, que combinan preguntas de resposta curta, resolución de problemas e redacción de ensaios.
Tamén son avaliados externamente o ensaio de Teoría do Coñecemento e a Monografía.
A única excepción no IES do Castro é Sistemas Ambientais e Sociedades, cuxos exames se adiantan ao terceiro trimestre de 1º de Bacharelato.
Saídas académicas
Acceso á universidade
O Diploma do IB é recoñecido directamente por universidades de todo o mundo. En España, o Ministerio autoriza o Diploma como vía de acceso á universidade: a fase xeral convalídase automaticamente na UNED, sendo necesario realizar as probas da fase específica.
Dado que os resultados do Programa non se coñecen ata principios de xullo, o alumnado preséntase tamén ás probas PAU na fase xeral para non perder ningunha oportunidade. Ata hoxe, todo o alumnado superou as PAU con boas notas.
Vías de acceso
Custos e prazas
Financiamento e prazas
Programa gratuíto
A Organización do IB cobra unha taxa anual por centro e por alumno/a matriculado. O IES do Castro, como centro público, non cobra ningunha cota ao seu alumnado: o financiamento corre a cargo da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Prazas dispoñibles
O centro dispón de 25 prazas, das cales 4 están reservadas a fillos/as de funcionarios/as da Oficina de Pesca da UE en Vigo.
