traballos
Ulises ou Odiseo é un personaxe da literatura grega que aparece nas obras de Homero A Ilíada e, sobre todo, A Odisea, da que é o personaxe principal. É rei de Ítaca.
Historia
Odiseo (na Grecia) ou Ulises (en Roma) é unha figura á parte en Troia. É un dos mais ardidos guerreiros de toda a epopea grega en Troia, e mesmo despois dela, cando retorna da súa longa viaxe ao seu reino, Ítaca, unha das numerosas illas gregas.
Heroe grego, Odiseo era rei de Ítaca e fillo de Laertes. Ao principio, cortexou a Helena[1], mais, en vista do grande número de pretendentes, acabou por auxiliar a Tíndaro, pai adoptivo de Helena, na escolla do pretendente. Esa escolla recaeu sobre Menelao, tendo casado o itacense entón con Penélope. De aí a amizade existente entre Menelao, seu irmán Agamenón, e Odiseo.
Da unión con Penélope naceu Telémaco, o seu querido fillo, do cal tivo de se apartar moi cedo para loitar ao lado doutros nobres gregos en Troia. Foi un dos elementos mais actuantes no cerco de Troia, no cal destacou principalmente pola súa prudencia e astucia.
Na guerra de Troia
Durante a citada guerra, moitas batallas os gregos venceron baixo o consello de Ulises, sendo este mesmo un grande guerreiro, a pesar da súa baixa estatura (algunhas lendas dicían mesmo que era anano). Tentou en van convencer a Aquiles para cesar a súa ira contra Agamenón, ao lado de Áiax, fillo de Telamón e de Fénix, mais sen obter éxito.
Unha das súas máis famosas estrataxemas foi axudar na construción dun cabalo de madeira, que permitiu a entrada dos exércitos gregos na cidade. Isto é, a estratexia foi súa.
A volta a Ítaca
Após a derrota dos troianos, iniciou unha viaxe de dez anos de volta para Ítaca - onde a súa muller o espera cunha fidelidade obstinada, a pesar da demora. Esa viaxe mereceu a creación por Homero do poema épico A Odisea, no cal se narran as aventuras e desventuras de Odiseo e a súa tripulación desde que deixan Troia, algunhas causadas por eles e outras grazas á intervención dos deuses.
Cando cegaron o ciclope Polifemo, despertaron a ira de Poseidón, que os atormentou por anos. Despois, aínda tentado volver para Ítaca, acabou indo para a illa de Calipso, unha muller que o aprisionou na súa illa durante anos e non o soltaría de alá até que el se casase con ela. Porén, el non aceptou, e ficou varios anos na illa, até que conseguiu fuxir.
Coa axuda de Zeus e doutros deuses, Odiseo chegou á casa soíño para encontrar a súa esposa Penélope, importunada por pretendentes. Disfrazado como mendigo, primeiro verificou se Penélope lle era fiel e, en seguida, matou os pretendentes á súa sucesión, limpando o palacio. Con iso, iniciouse unha batalla final contra as familias dos homes mortos, mais a paz foi restaurada por Atenea.
Actividad
Coa información contida neste artículo da wikipedia elabora un documento word no que des resposta as seguintes cuestións:
- Biografía de Odiseo.
- O seu papel na guerra de Troia.
- Aventuras que sufriu no seu regreso á patria.
- Resume o acontecido a súa volta a Ítaca.
- Recorda as expresións vistas nesta unidade didáctica relacionadas con Odiseo.
Na mitoloxía grega Medea era a filla de Eetes, rei da Cólquide e da ninfa Idia. Era sacerdotisa de Hécate, que algúns consideran a súa nai e de quen se supón que aprendeu os principios da feitizaría xunto coa súa tía, a maga Circe. Así, Medea é o arquetipo de bruxa ou feiticeira, con certos trazos de chamanismo.
A fuxida da Cólquide
Cando Xasón e os argonautas chegaron á Cólquide e reclamaron o vélaro de ouro, o rei Eetes prometeulles que llelo entregaría só se eran capaces de realizar certas tarefas. En primeiro lugar, Xasón tiña que xunguir dous bois que exhalaban labaradas de lume pola boca e arar un campo con eles. Unha vez arado, tiña que sementar nos sucos os dentes de dragón que Eetes lle deu. Xasón aceptou as condicións, malia que saír airoso da proba facíaselle imposible.
Porén, Medea, traspasado o seu corazón polos dardos atinados de Eros e aconsellada pola súa irmá, cuxos fillos salvara Xasón de perecer na illa dos paxaros, visitou esa mesma noite a tenda de Xasón e proporcionoulle pocións, ungüentos máxicos e instrucións precisas para logralo. Invulnerable ao lume e posuidor dunha forza sobrenatural, o heroe puido domear os bois e xunguilos ao arado, roturando a continuación a porción de terra acordada. Despois, tras botar os dentes nos sucos, retirouse a observar como de cada dente sementado xurdía un soldado-esqueleto fortemente armado. Tras esperar pacientemente a que se desenvolvesen completamente un gran número deles, e seguindo os consellos de Medea, botou unha enorme pedra entre os soldados e estes, que non sabían quen a botara, loitaron encarnizadamente entre si por conseguila ata a morte. Finalmente, aínda baixo os efectos das pocións máxicas de Medea, Xasón rematou cos que quedaron en pé.
Tras saír airoso desta proba, Eetes anoxouse de vez e negouse a cumprir a súa parte do trato. Guiados entón por Medea, os argonautas chegaron ao bosque onde se escondía o vélaro de ouro, onde Medea exhortou os presentes a evitaren ser hipnotizados, para o que non debían mirar aos ollos do seu gardián, unha serpe enorme que xamais durmía. Grazas a unhas herbas especiais e aos seus propios poderes hipnóticos, Medea logrou durmila e así permitiu que Xasón collese o prezado trofeo e puidesen todos regresar con el á súa patria.
A expedición dos argonautas partiu entón coa compañía de Medea xa que ela sabía que a súa traizón nunca sería perdoada e, amais diso, apaixonárase perdidamente de Xasón; por iso lles pregara poder fuxir coa expedición a cambio dos seus servizos. Xasón non só accedeu, senón que prometeu facela a súa esposa, xurándolle que lle sería sempre fiel. Eetes mandou daquela ao seu fillo máis vello, Apsirto, á fronte dunha gran frota a perseguilos. Cando logrou por fin alcanzalos, Xasón acordou con Apsirto entregar a Medea a cambio de poder continuar a súa viaxe co vélaro. Pero Medea argallou novamente un estrataxema para que o seu medio irmán se presentase só na negociación, feito que aproveitou Xasón para asasinalo a traizón e botar o seu corpo, despezado en múltiples anacos, ao mar. O desconsolado Eetes tivo que entreterse recollendo un por un os restos do seu fillo, o que lles deu vantaxe aos argonautas para poderen escapar.
Existen varias versións acerca da ruta que seguiron os argonautas a partir de entón, xa que a versión que nos chegou ponse en dúbida ao requirir un traxecto por terra por media Europa (ben vadeando ríos navegables, ben arrastrando por terra firme a súa nave Argo).
Cando chegaron a Tesalia, Medea profetizou que o temoneiro do Argo, Eufemo, reinaría sobre Libia. Esta profecía materializouse en Bato, descendente de Eufemo.
Talos
Despois de os argonautas esperaren a que Circe purificase a Medea polo asasinato de Apsirto, de atravesaren o estreito de Escila e Caribdis e de superaren os dominios das sereas, puideron chegar finalmente a Creta. Pero alí foilles imposible tomar terra, porque a illa estaba custodiada por Talos, o xigante de bronce. Talos tiña unha única vea que lle chegaba desde o pescozo ao nocello e que estaba rematada nun cravo que evitaba que lle revertese o sangue. Medea prometeulle a inmortalidade ao xigante se bebía unha poción que, en realidade, era un potente somnífero. Cando Talos caeu a durmir, Medea sacoulle o cravo e deixou que se desangrase, de forma que finalmente puideron arribar a Creta.
Finalmente, xa preto do seu destino, Iolcos, uns ventos arrastraron o Argo ata Libia, onde, tras sufrir novas penalidades, encontraron a fonte que Heracles fixo abrollar dunha patada ao pasar por alí, camiño de cumprir unha das súas tarefas. Só grazas a Tritón, que arrastrou a nave a mar aberto, puideron por fin seguir o seu camiño.
Abandono de Xasón
Malia vérense libres de Pelias, os habitantes de Iolcos aborreceron o magnicidio, e Xasón e Medea víronse obrigados a deixar Iolcos e partir cara a Corinto, chamados polos habitantes desta cidade sobre cuxo trono Medea pretendía ter dereitos. Alí Xasón acordou co rei Creonte abandonar a Medea —á que o rei pretendía expulsar de Corinto— para casar coa súa filla, a princesa Glauce[1]). Daquela Medea, arrastrada polos celos, envioulle a Glauce como regalo de vodas un manto de irresistible beleza. Cando Glauce o recibiu de mans da serventa de Medea púxoo de inmediato, liberando a maxia contida nel que a converteu nunha tea ardente. As chamas consumírona totalmente a ela e ao seu pai, Creonte, que se abalanzou sobre ela con intención de salvala. A continuación, e para facerlle o máximo dano a Xasón, Medea matou os dous fillos que tiveran en común.[2] Outra versión afirma que Xasón deixara a Medea por Creúsa, que parece ser a propia Glauce, á que Medea lle regalou un vestido que, ao poñelo, quedaríalle pegado ao corpo e mataríaa.
Os habitantes de Corinto, ben en vinganza pola morte de Creonte ou ben decepcionados polo comportamento de Medea, apedrárona no templo de Hera e obrigárona a abandonar a cidade no carro de serpes aladas que lle regalara o seu avó Helios.
Unha versión da historia narra que foron eles os que mataron os fillos de Medea, como castigo polo feitizo que esta lle realizara a Glauce. Pero, como castigo, unha epidemia foi rematando con todos os nenos da cidade. Corinto non se librou desta maldición ata que por consello do oráculo de Delfos fixeron sacrificios solemnes aos fillos de Medea, e obrigaron aos seus a gardar loito.[3] Isto xustificaría que os dirixentes de Corinto no século V a. C. lle pagasen ao dramaturgo Eurípides para que narrase a traxedia de Medea en Corinto atribuíndolle á protagonista toda a lista de asasinatos e poder lavar así a imaxe da cidade.[4][5] Esta manipulación remataría, pois, con outras versións que consideraban a Medea como unha muller virtuosa que non cometera máis pecado que profesarlle un profundo amor ao seu marido, que a abandonou inxustamente.
Actividad
Elabora un traballo nun documento word no que des resposta a estas preguntas.
- Que probas tiña que superar Xasón para facerse co vélaro de ouro?
- Como axudou Medea a Xasón nestas dúas probas?
- Por que decidiu Medea ir con Xasón e os Argonautas na expedición de volta a Iolcos?
- Ao chegar a Creta atoparon a Talos. Quen era e de que o coñecedes vós?
- Que pasou en Corinto?
- Como castigaron a Medea os habitantes de Corinto?
- Que expresións mitolóxicas coñeces que poidas relacionar cos feitos narrados neste texto?
