heroes míticos
EXPRESIÓNS RELACIONADAS COS HEROES
GALEGO: “coller o touro polos cornos”.
SIGNIFICADO ACTUAL: afrontar os problemas en vez de tentar escapar deles.
ORIXE: dende a antigüidade o touro foi o símbolo da forza e tamén do perigo. No seu sétimo traballo, Hércules tivo que enfrontarse a un touro e capturalo vivo. Conseguiuno saltando sobre el e agarrándolle fortemente os cornos.
Hércules e o touro de Creta. Museo do Louvre.
“O LEITO DE PROCRUSTES”
GALEGO: “o leito de Procrustes”, “procústeo”.
SIGNIFICADO ACTUAL: simboliza o conformismo e a uniformización, un estándar arbitrario. Algo procústeo oponse a ergonómico, é dicir, é o home o que debe adaptarse aos obxectos e non ao revés.
ORIXE: Procrustes era un bandido que actuaba no itsmo de Corinto. Tendía as súas vítimas nun leito de ferro e, se sobresaían deste, mutilábaos cortándolles as extremidades e, se non alcanzaban a medida, estirábaas con cordas ata que acadaban a lonxitude do leito. Morreu a mans de Teseo, quen o someteu á mesma tortura que el inflixía ás súas vítimas.
Teseo e Procrustes. Lado A dunha ánfora ática de figuras vermellas. 470 a. C.
“A TÚNICA DE NESO”
GALEGO: “a túnica de Neso”.
SIGNIFICADO ACTUAL: fai alusión a unha dor da que non se pode fuxir.
ORIXE: remóntase a unha historia de amor e ciumes. Cando o centauro Neso tentou violar a Deianira, o seu esposo Heracles feriuno cunha frecha e impidiu a felonía. Neso, cando estaba a punto de morrer, deulle a Deianira un pouco do seu sangue, asegurándolle que con ela podería preservar o amor da súa parella. Cando máis adiante Deianira dubida do amor de Heracles, rocía co seu sangue a túnica do seu home, quen ve como comeza a queimarse a súa pel cando a túnica roza o seu corpo, morrendo de forma lenta e dolorosa.
Rapto de Deianira. Guido Reni. Museo do Louvre.
“RISA SARDÓNICA”
GALEGO: “risa sardónica”.
SIGNIFICADO ACTUAL: risa maliciosa, irónica ou sarcástica.
ORIXE: remóntase á lenda de Talos. Este era un xigante de bronce a quen Minos encargara a misión de protexer as costas de Creta e impedir que chegasen estranxeiros. Se algún conseguía chegar, tiña que superar o abrazo candente de Talos, despois de que este introducise o seu corpo metálico no lume. Tal abrazo recibiron os sardos e de aí provén a expresión, xa que mentres os abrazaba, Talos ría de maneira feroz.
![]()
Talos representado como un home novo espido e alado, armado cunha pedra
Didracma de prata de Festos, Creta (c. 300/280-270 a. C.). Anverso.
“SER UNHA HARPÍA”
GALEGO: “ser unha harpía”.
SIGNIFICADO ACTUAL: este termo úsase frecuentemente para facer referencia a unha muller desagradable e molesta que actúa con mala vontade.
ORIXE: as Harpías eran uns monstros devastadores con rostro de muller e ás e corpo de aves de rapiña. Tiñan como misión levar as almas, sobre todo as dos nenos, aos Infernos. Nun dos episodios dos Argonautas, lanzábanse sobre os manxares do rei Fineo e deixaban a súa comida chea de excrementos.
Eneas e os seus compañeiros loitando contra as Harpías. François Perrier. Museo do Louvre.
“SER UNHA QUIMERA”
GALEGO: “ser unha quimera”.
SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia a algo imaxinario, irreal, a un soño.
ORIXE : a Quimera era un monstro mitolóxico con cabeza de león, corpo de cabra (de aí a súa etimoloxía), e cola de serpe. Foi vencida polo heroe Belerofonte cunha lanza con punta de chumbo.
![]()
Quimera nun prato de Apulia con figuras vermellas. 350-340 a. C. Museo do Louvre.
GALEGO: “síndrome de Medea”.
SIGNIFICADO ACTUAL: padecen a síndrome de Medea aquelas mulleres que son capaces de facer dano aos seus propios fillos para vingarse dos seus maridos.
ORIXE: Medea era unha feiticeira que casou con Xasón, tras axudalo a conseguir o vélaro de ouro. Máis adiante, Xasón abandonouna para unirse coa princesa Creusa, filla do rei de Corinto. Medea, loca de ciumes, matou a Creusa e aos seus propios fillos, xa que era a máis terrible maneira de causar dano ao seu marido.
![]()
Medea furiosa. Eugène Delacroix.
GALEGO: “a tortura de Sísifo”.
SIGNIFICADO ACTUAL: fai alusión a un traballo penoso que é inútil porque non ten nin terá nunca fin.
ORIXE: os deuses condenaran a Sísifo no Inferno a subir sen cesar unha rocha ata o cumio dunha montaña, pero cando chegaba arriba a rocha volvía a caer polo seu propio peso, obrigándoo a comezar de novo.
Sísifo. Tiziano. Museo do Prado.