deuses olímpicos

GALEGO: “crerse o embigo do mundo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: emprégase para indicar que unha persoa ou un lugar son o centro do mundo. Ás veces tamén implica pensar que un é o máis importante en detrimento dos demais. Actuar con egolatría.

ORIXE: remóntase ao ónfalo, pedra que se veneraba no templo de Apolo en Delfos. Segundo a lenda, era a pedra que lle deu Rea a Cronos no lugar do seu fillo Xúpiter. Delfos era considerado o centro do mundo e ata alí acudían peregrinos de toda Grecia buscando respostas de parte do oráculo.

 

 

Ónfalo de Delfos. Museo de Delfos.

 

"A MAZÁ DA DISCORDIA"

GALEGO: “a mazá da discordia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: emprégase para aludir a una persoa ou situación que motiva discordia ou malestar.

ORIXE: fai referencia á deusa Discordia, a única que non foi convidada aos esponsais de Tetis e Peleo. En vinganza presentouse no banquete e chimpou ao chan unha mazá na que podía lerse a inscrición: “para a máis fermosa”. Hera, Atenea e Venus dispútanse este honor e Zeus decide que sexa o príncipe Paris quen as xulgue.

 

 

As vodas de Tetis e Peleo. Jakob Jordaens. Museo do Prado.

 

“CORNO DA ABUNDANCIA”

GALEGO: “corno da abundancia”, “cornucopia”.

SIGNIFICADO ACTUAL: símbolo de abundancia e de prosperidade.

ORIXE: faise referencia ao corno da cabra Amaltea, que alimentou a Zeus mentres permanecía agochado na illa de Creta. Un día, xogando cos seus raios, Zeus escachou o corno da cabra e, en compensación, concedeulle o don de proporcionar sempre alimentos e bebida ao posuidor do corno. Segundo outra versión, Heracles tivo que enfrontarse con Aqueloo polo amor de Deianira. Nesta disputa Aqueloo tomou a apariencia dun touro para embestir ao semideus, mais Heracles non tivo problemas para derrotalo e rompeulle un corno, do que manaban sen cesar alimentos e bebidas.

 

 

Abundancia (abundantia) (1577-1640). Peter Paul Rubens.

 

 

A infancia de Xúpiter. Nicolas Poussin. Dulwich Picture Gallery.

 

“SER O ANFITRIÓN”

GALEGO: “ser o anfitrión”.

SIGNIFICADO ACTUAL: convidar e recibir a alguén hospitalariamente na nosa casa.

ORIXE: mentres o verdadeiro Anfitrión estaba ausente na guerra, Zeus tomou a súa apariencia e uniuse a súa esposa Alcmena. Desta unión naceu Hércules. Máis adiante, volveu o marido e enxendrou a Ificles, xemelgo de Hércules. No Anfitrión de Moliére o criado Sosias di tras uns momentos de desconcerto: “o verdadeiro Anfitrión é o que nos convida á súa mesa”.

 

 

Anfitrión comproba que Hércules non é fillo seu véndolle matar as serpes. Fresco da casa dos Vettii (Pompeia).

 

“SER A PANACEA”

GALEGO: “ser a panacea”.

SIGNIFICADO ACTUAL: alúdese a algo ou alguén que é capaz de curar ou arreglar todo. O remedio de todos os males e problemas.

ORIXE: Panacea era a filla do deus da medicina, Asclepio, fillo á súa vez de Apolo. Cura aos homes coa axuda das plantas.

 

 

Panacea axuda a un enfermo. Detalle dun gravado do médico veronés J. Gazola. 1716.

 

“CRERSE SAÍDO DO MUSLO DE XÚPITER”

GALEGO: “crerse saído do muslo de Xúpiter”.

SIGNIFICADO ACTUAL: alúdese a alguén con ínfulas de grandeza, que se cre especial e superior aos demais.

ORIXE: a instancias de Hera, Sémele pediulle a Zeus que se unise con ela con todos os seus atributos. Sémele morreu carbonizada e entón Zeus rescatou o bebé que ela levaba dentro e meteuno no seu muslo, onde completou o seu desenvolvemento. Dez meses despois naceu Dioniso.

 

 

Alimentación de Dionisos. Artista romano. Palazzo Massimo alle Terme.