figuras mitolóxicas

 EXPRESIÓNS RELACIONADAS COAS FIGURAS MÍTICAS

“ESTAR EN BRAZOS DE MORFEO” 

GALEGO: “estar en brazos de Morfeo”.

SIGNIFICADO ACTUAL: estar durmido.

ORIXE: Morfeo era un dos Oniros, os mil fillos que enxendraron Nicte e Hipno. Representábase como un mozo novo con ás que simbolizaban a súa capacidade de percorrer todo o mundo velozmente, cun espello na man e cunhas follas de adormideira. Tiña a facultade de adoptar a forma de seres humanos e aparecerse en soños ás persoas durmidas creándolles fantasías oníricas. A imaxe dunha persoa durmindo nos brazos fortes de alguén é un referente clásico na literatura e remite precisamente á esta imaxe dos brazos fortes de Morfeo. O nome Morfeo vén do grego morphé “forma”, xa que este deus podía adquirir distintas formas. Mantense no noso vocabulario en termos como “morfina”, alcaloide con propiedades soporíficas procedente da adormideira.

 

 

Morfeo coa forma de Ceix aparécese a Alcíone. Gravado de Bauer para as Metamorfoses de Ovidio, libro XI, 633-676.

 

“ABRIR A CAIXA DE PANDORA”

GALEGO: “abrir a caixa de Pandora”.

SIGNIFICADO ACTUAL: úsase cando unha persoa descobre algo negativo por curiosidade, ben de maneira accidental ou por premeditación.

ORIXE: remítese ao mito de Pandora, a primeira muller. Foi modelada por Hefesto por orde de Zeus para castigar aos homes, despois de que Prometeo ousara roubarlles o lume ós deuses. Pandora abriu unha caixa na que estaban encerrados todos os males, deste xeito os males espalláronse polo mundo e na caixa quedou soamente a esperanza, da que dicimos que é o último que se perde.

 

 

Pandora. Dante Gabriel Rossetti.

 

“TER VISTA DE LINCE”

GALEGO: “ter vista de lince”.

SIGNIFICADO ACTUAL: dise de alguén que ten moi boa vista. En sentido figurado, significa ver as cousas claras nos negocios.

ORIXE: alúdese ao heroe grego Linceo (un Argonauta) que xunto co seu irmán Idas enfrontouse cos Dióscuros, Cástor e Pólux. Linceo tiña a facultade de poder ver a través dos corpos opacos, por eso viu aos Dióscuros agochados detrás dunha árbore. Tamén participou na cacería do xabarín de Calidón e na expedición do vélaro de ouro.

 

“SER PRESA DO PÁNICO”

GALEGO: “ser presa do pánico”.

SIGNIFICADO ACTUAL: ter moito medo, sentimento abrumador de ansiedade e terror.

ORIXE: segundo a mitoloxía, os persas fuxiron na batalla de Maratón presas do pánico que sentían ante o deus Pan. Este deus tiña a parte de arriba do corpo de home e a parte inferior de macho cabrío, un apetito sexual incansable e un gran afán por perseguir as ninfas, ás que tiña atemorizadas, de aí a identificación deste deus co temor.

 

 

Pan ensina a Dafne a tocar a caramela (a frauta de Pan). C. 100 a. C. Escultura atopada en Pompeia.

 

“SER UN MIDAS”

GALEGO: “ser un Midas”.

SIGNIFICADO ACTUAL: fai referencia á persoa que acada facilmente éxito e ganancias en tódolos proxectos que emprende.

ORIXE: o deus Dioniso, en pago por ter tratado a Sileno con hospitalidade, concedeulle ao rei frixio Midas o desexo que quixera. Este pediulle que todo o que tocara se convertise en ouro. Así foi, pero tamén a comida e a bebida se convertían en ouro, polo que Midas, famento e sedento, suplicou ao deus que lle fose retirado o don. Dioniso díxolle que lavara as mans e a cara na fonte do río Pactolo e así o don quedou transferido a este río.

 

 

Midas e Baco. Nicolas Poussin. Schloss Nymphenburg.