Antes de adrentarnos na creación dun REA, convén deternos nunha ferramenta fundamental para traballar de forma ordenada en eXeLearning: o xestor de ficheiros.
Ao longo do proceso de creación dun recurso, iremos incorporando distintos materiais: imaxes, documentos, audios, vídeos ou outros arquivos que axudarán a enriquecer o contido. Para que todos estes elementos estean ben organizados e poidamos reutilizalos facilmente cando os precisemos, eXeLearning conta cun espazo específico desde o que podemos administralos de xeito centralizado.
Desde o xestor de ficheiros podemos:
- Subir novos materiais
- Crear cartafoles
- Ordenar os ficheiros
- Renomealos
- Eliminalos
- Inserilos posteriormente nos iDevices que esteamos a editar
Isto permítenos manter o proxecto estruturado e evita que os recursos queden dispersos ou sexan difíciles de localizar a medida que o REA vai medrando.
NOTA: é importante saber que cando borramos un iDevice, caixa ou páxina, os materiais inseridos previamente permanecen no xestor de ficheiros. Para saber se hai elementos no xestor de ficheiros que non están no recurso, podemos facer clic en "Amosar referencias" e eliminar, no seu caso, os que teñan 0 referencias.