
Obxectivo
Esta guía serve para coñecer como crear ou adaptar textos seguindo pautas e recomendacións para que sexan accesibles.
A Lectura Fácil é unha estratexia que facilita a comprensión de textos e documentos e axuda ás persoas a entendelos.
Esta guía é un material para facilitar a aplicación da Norma UNE 153101:2018 EX para a elaboración de textos en formato de "lectura facilitada".
O Proxecto cREAgal define unhas características para a adaptación de textos que denomina "lectura facilitada" como un modelo sen os requisitos de validación da Lectura Fácil.
Cando usar esta guía?
Se vas crear, modificar ou seleccionar un Recurso Educativo Aberto (a partir de agora REA), debes garantir que todas as persoas poidan comprender a información textual que inclúas nel.
Pensa que se eliminas as barreiras para a comprensión, estarás a fomentar a igualdade de oportunidades e asegurando que todas as persoas teñan acceso ao contido. Por tanto, se queres que as persoas poidan usar o teu REA, entendelo e participar nel, promove a accesibilidade cognitiva e utiliza a lectura facilitada.
Lembra que se ofreces unha versión en Lectura Fácil ou lectura facilitada do teu REA, beneficias a todas as persoas que acceden a el (non só ás que teñen problemas para a comprensión escrita). Deseña pensando en ofrecer diferentes alternativas para que todas as persoas destinatarias do teu REA poidan elixir.

Aquí atopas...
1. Algunhas indicacións sobre como comezar a crear ou adaptar textos.
2. Algunhas pautas e recomendacións de lectura facilitada.
3. Unha lista de verificación para que comprobes se os teus recursos seguen as pautas de lectura facilitada.
Para ter en conta
Ten en conta que para que un texto ou documento poida considerarse de Lectura Fácil debe someterse a un proceso de validación que acredite que é comprensible.
As pautas que se explican nesta guía van encamiñadas a producir textos en formato de lectura facilitada, que non están sometidos a un proceso de validación externo tan ríxido como a Lectura Fácil.
Coa adaptación de textos estarás a axudar a que moitas persoas poidan comprender o teu REA. 

Fase 1
O equipo de creación/adaptación elabora e maqueta ou adapta o documento orixinal seguindo as pautas de Lectura Fácil.

Fase 2
Envíase o primeiro borrador do documento ao equipo de validación.

O equipo de validación realiza un informe de validación ofrecendo achegas.

Fase 3
A partir do informe de validación, o equipo de creación/adaptación realiza un novo borrador.

A súa comprensión será novamente comprobada polo equipo de validación.

Nesta fase poden colaborar tamén o equipo de creación/adaptación.
Fase 4
Se non é comprensible, sinálase o contido que non cumpre as pautas e vólvese á fase 3.

Se se comproba que é comprensible, realízase o documento final en Lectura Fácil.

Fase 5
Unha vez validado o teu texto/documento/recurso pode levar incorporado o logo de Lectura Fácil, por exemplo, que acredita que foi validado por persoas con dificultades na comprensión.
