Que é eXeLearning?
eXeLearning é un programa gratuíto de software libre e de código aberto (open source) deseñado para a creación e edición de recursos dixitais interactivos. É unha ferramenta que permite incorporar unha gran variedade de contidos - textos, imaxes, vídeos, actividades interactivas ou xogos - dunha forma sinxela e estruturada, ofrecendo un aspecto limpo e atractivo.
Os recursos creados con eXeLearning teñen deseño responsive, asegurando a súa correcta visualización en calquera dispositivo, e poden exportarse en formatos estándar como HTML, SCORM ou EPUB3, o que favorece a súa difusión en plataformas e repositorios.
Ademais, eXeLearning fomenta a creación de Recursos Educativos Abertos (REA), promovendo o coñecemento compartido e a educación aberta.
Descarga e instalación de eXeLearning
Os usuarios contan con distintas formas de acceder á ferramenta e crear contidos educativos dixitais. O obxectivo é facilitar o seu uso en diferentes contextos: desde quen necesita unha opción rápida e sinxela, ata quen require traballar sen conexión, colaborar na nube ou integrar eXe en plataformas como Moodle, WordPress ou Omeka-S.
A infografía “Guía rápida: elixe a túa versión de eXeLearning” resume estas posibilidades e axuda a escoller a modalidade máis adecuada segundo as necesidades de cada usuario.

1. Versión en liña: rapidez e sinxeleza sen instalacións
A principal novidade desta versión é a aposta pola versión en liña, dispoñible en https://online.exelearning.net.
Esta modalidade está pensada para quen quere empezar a traballar de forma inmediata, sen instalar nada no seu equipo. Basta con acceder desde o navegador para crear, editar e descargar contidos educativos.
A versión en liña é, por tanto, a opción máis rápida e sinxela para o profesorado. Permite traballar con eXeLearning desde calquera computador con conexión a internet e descargar despois os materiais xerados para conservalos ou publicalos onde se necesite.
É importante ter en conta que esta versión non funciona como un espazo de almacenamento na nube. É dicir, permite crear e descargar contidos, pero non garda os proxectos en liña de forma permanente. Por iso, unha vez terminado o traballo, é recomendable descargar o arquivo correspondente e conservalo no equipo ou no espazo de almacenamento habitual do usuario.
Tamén podes instalar o teu propio eXe en liña no teu servidor.
2. Versión de escritorio: para traballar en local e sen conexión
A versión de escritorio está pensada para quen prefire instalar eXeLearning no seu propio equipo. É a opción adecuada cando se necesita traballar sen conexión a internet ou cando se desexa gardar os proxectos de forma local.
Esta modalidade permite ao profesorado instalar a aplicación no seu computador, crear contidos educativos e almacenalos directamente no seu equipo. Resulta especialmente útil en centros con conectividade limitada ou para docentes que traballan habitualmente desde o mesmo dispositivo.
3. Versión cloud: pensada para a colaboración
A versión cloud está orientada a usuarios, centros ou institucións que necesitan dispoñer de eXeLearning mediante unha instalación en servidor. Esta opción permite traballar nunha contorna na nube e ofrece unha experiencia máis completa, xa que combina a creación, edición, almacenamento de proxectos e traballo colaborativo entre usuarios.
Trátase da alternativa máis avanzada, especialmente adecuada para organizacións que desexan centralizar o uso de eXeLearning. Alén de facilitar que varios usuarios poidan crear e editar contidos de forma colaborativa, incorpora unha páxina de administración desde a que é posible xestionar as credenciais de acceso, controlar o espazo de almacenamento e supervisar os proxectos aloxados na plataforma.
Desde esta administración tamén se pode ofrecer soporte aos usuarios e instalar estilos e iDevices que queden dispoñibles para toda a comunidade de traballo. Deste xeito, a versión Cloud non só facilita a creación de contidos, senón que tamén permite organizar e manter unha contorna común adaptada ás necesidades do centro ou institución.
Esta opción resulta especialmente interesante para equipos docentes que traballan conxuntamente na elaboración de materiais, departamentos que comparten recursos ou institucións que desexan ofrecer un espazo común de produción, xestión e publicación de contidos educativos.
4. Plugins para LMS/CMS: integración total na túa aula virtual
A terceira alternativa son os plugins para LMS/CMS, pensados para quen desexa utilizar eXeLearning directamente dentro de plataformas como Moodle, WordPress ou Omeka-S.
Neste caso, eXe intégrase como editor dentro da propia contorna de publicación. Isto facilita crear, editar e publicar contidos sen saír da plataforma habitual de traballo. É unha opción moi útil para centros educativos, docentes ou administradores que xa utilizan estes sistemas e queren incorporar eXeLearning ao seu fluxo de traballo diario.
Demo online de eXeLearning
Pódese probar a edición colaborativa entrando en https://cloud-demo.exelearning.net/ como convidado.
AVISO IMPORTANTE
Información importante a ter en conta ao traballar coa demo de eXe cloud:
- Non hai usuarios asignados nin espazo de almacenamento.
- Os proxectos non se gardan automaticamente. Se desexas conservar o contido creado, deberás descargar o ficheiro .elpx antes de pechar.
- Podes compartir a ligazón con outra persoa e traballar de forma simultánea en tempo real. Cando calquera das persoas peche o navegador, non poderá volver acceder ao proxecto, xa que non se almacena no servidor nesta modalidade de proba.
Para dispoñer da funcionalidade completa de eXeLearning cloud (con almacenamento, xestión de usuarios e recuperación de proxectos), é necesario instalar eXe cloud nun servidor e xestionar o espazo e acceso de usuarios.
Moitas administracións educativas xa están a traballar neste sentido para poder ofrecelo aos seus docentes proximamente. Se estás interesado en dispoñer desta funcionalidade, pregunta á institución ou administración á que pertences.
Formación eXeLearning para o proxecto cREAgal
Na aula virtual do proxecto cREAgal está dispoñible un curso completo de eXeLearning, con materiais formativos da ferramenta e aberto a convidados. Alí podemos coñecer e profundar nas características e funcionalidades deste software.