Outros procesos de interese
Seleccionar unha palabra ou un texto determinado:
· Podemos arrastrar o punteiro dende o inicio do texto premendo o botón esquerdo do rato, e sen soltar achegarnos ata o final do texto escollido. Aparecerá sombreado.
· Se facemos dobre clic sobre unha palabra esta tamén se selecciona.
· Se facemos tres clic sobre unha palabra o que se selecciona é todo o parágrafo no que está situada.
· Para seleccionar todo o texto e demais elementos dun documento podemos utilizar a combinación de teclado Ctrl + A (é dicir, manter pulsada a tecla de control e logo premer a tecla A); outro método é ir ao menú Editar e escoller a opción Seleccionar todo.
Inserir unha imaxe:
Temos dúas opcións, inserir unha imaxe propia (do noso equipo) ou que teñamos localizada na rede. Para ámbolos dous casos temos que abrir a función dende o menú Insertar e escoller Imaxe.
Se a imaxe está arquivada no noso equipo podemos abrir o administrador de arquivos e arrastrando o arquivo ata o espazo que observamos na imaxe anterior xa quedaría seleccionada para logo inserir. Tamén nos ofrece a opción de seleccionar a imaxe abrindo o administrador de arquivos dende o botón Seleccionar una imagen para subirla.
De todos os xeitos, o máis rápido é arrastrar o arquivo directamente ata o documento, sen necesidade de abrir este menú.
No caso de que a localización da imaxe sexa un servidor de internet teremos primeiramente que localizar dita imaxe dende un navegador web (Chrome, Mozilla, Iexplorer, Safari ou calquera outro). Unha vez teñamos a imaxe en pantalla deberíamos premer co botón dereito do rato sobre a mesma para que nos ofreza o menú contextual onde logo temos que escoller a opción ver a imaxe para independizala do resto da páxina.
Volvemos a premer co botón esquerdo sobre a imaxe e agora escollemos a opción Copiar a localización da imaxe. Así temos gardado no portapapeis do noso equipo o enderezo da imaxe. Polo tanto, repetindo o proceso de inserir imaxe, só temos que escoller a opción De Url para que nos ofreza un espazo onde pegar (botón dereito sobre o recadro para logo escoller pegar ou premer a combinación de teclado Ctrl+V).
Só faltaría premer sobre o botón Seleccionar para rematar o proceso e ter inserida a imaxe no noso documento de texto.
Con todos estes conceptos deberíamos estar listos/as para crear os nosos documentos en web.
Non precisamos gardar o documento, faino automaticamente.
Para rematar, se queremos ter unha copia no noso equipo, temos que ir ao menú Archivo e na opción Descargar como escoller o formato que prefiramos. Logo disto escollemos a carpeta onde arquivalo e unha vez descargado teremos unha copia na rede e outra no ordenador.