A barra de menús
Repasemos o máis importante, ou dito doutro xeito o que máis utilizaremos de cada menú:
FICHEIRO:
- Crear un arquivo novo, diferente do que temos aberto nese intre.
- Abrir un documento gardado no noso espazo de google drive (se precisamos abrir un documento do noso equipo teriámolo que subir previamente a google drive dende o botón que hai ao lado do de "Crear", como xa comentamos no apartado de "Entorno inicial").
- Cambiarlle o nome, ou título, ao documento activo.
- Facer unha copia do arquivo de traballo (por se queremos facer distintas versións do mesmo documento).
- Ver o historial do documento. Moi útil para facer un seguimento da creación do mesmo. Sempre que se garde o documento, sexa automaticamente ou de xeito intencionado, a aplicación fai un rexistro do mesmo. Dende esta utilidade poderíamos volver a calquera dos estados anteriores. É importante sobre todo cando nun nivel máis avanzado sexamos quen de compartir o documento e traballar de xeito colaborativo con outras persoas.
- Seleccionar o idioma de traballo, para ter en conta nos procesos de revisión ortográfica. De momento, en google drive, non contamos con ferramentas para o galego.
- Descargar o documento activo para o noso equipo. Podémolo facer en varios formatos: doc, odt, rtf, pdf, txt e incluso como páxina web.
- Enviarlle o documento a través do correo de gmail a un colaborador ou a calquera enderezo de correo.
- Configurar a páxina, cambiando o formato horizontal ou vertical, cor de fondo do documento, marxes, ...
- Ver como quedaría o documento impreso, nunha vista previa.
- E finalmente enviar o documento a calquera impresora conectada ao noso equipo ou á que teñamos acceso a través da rede.
EDICIÓN:
Común a todas as aplicacións. Temos a posibilidade de corrixir un erro desfacendo as últimas accións, de copiar un texto seleccionado, cortalo e tamén pegalo, ademais podemos seleccionar todo o texto do documento ou facer unha busca de palabras ou frases dentro do mesmo.
VER:
Temos diferentes posibilidades de ver o documento. Neste menú se nos ofrecen. Tamén seleccionaremos aquí algúns elementos da aplicación, como as regras ou outras barras de ferramentas. Pero posiblemente o máis útil pode ser a posibilidade de poñer o documento a pantalla completa, de xeito que desaparecen todos os elementos de menú para deixarnos observar unicamente o traballo.
INSERIR
O menú que nos permite incorporar ao texto elementos diversos de creación ou de mellora do documento, resumindo, podemos inserir:
- Novas páxinas no documento.
- Un enlace a un espazo web.
- Fórmulas matemáticas.
- Debuxos e gráficos.
- Carácteres especiais ou símbolos.
- Elementos propios do estilo de páxina: numeración, salto, cabeceira e pé, marcador ou índice.
FORMATO
Como o seu nome indica trátase das ferramentas que nos permitirán dar o formato que precisemos ao noso texto. Así dispoñermos de negriña, cursiva, subliñado e outras variacións sobre os carácteres, pero tamén podemos aplicar estilos predefinidos, variar o interliñado dos parágrafos, aplicar formato de esquemas e suprimir todos os formatos aplicados.
FERR
AMENTAS
A parte de ofrecernos ferramentas alleas ao documento, como busca de información (en Internet) ou buscar unha definición nun dicionario "on-line" tamén nos permite traducir a outra lingua o texto ou recontar as palabras do documento.
Unha función interesante son as preferencias, xa que neste apartado podemos configurar ao noso gusto algunhas respostas do programa a facer en calquera documento (non só no que esteamos traballando), como definir o tipo de comiñas que preferimos utilizar, se cando escribimos un enlace a un espazo da rede o detecta como tal automaticamente ou non e finalmente permítenos determinar todos os símbolos que queremos utilizar con frecuencia a través dunha combinación de teclado, por exemplo, escribindo (c) que nos represente o símbolo ©; deste xeito podemos ir personalizando o procesador ás nosas necesidades.
TÁBOA
Todas as funcionalidades dunha táboa, dende creala ata modificar progresivamente e segundo as necesidades que vaian xurdindo no traballo máis ou menos filas ou columnas, incluso podemos decidir eliminar toda a táboa. Tamén podemos definir as propiedades que lle queremos aplicar do tipo de cor do borde, ancho do mesmo, recheo das celas, aliñado do texto con respecto a aquelas e dimensións que queremos que teña a táboa.
AXUDA
Sistema de busca de solucións a calquera problema que vaiamos atopando no desenvolvemento do traballo co procesador.