Crear e enviar mensaxes

Para crear unha mensaxe e enviala a un contacto temos que premer no botón Redactar, situado na zona 2 da imaxe da sección anterior.

Nese momento ábrese unha nova ventá:

Primeiramente deberemos engadir o enderezo do contacto de destino. Se o temos na axenda de contactos simplemente temos que premer sobre a palabra Para e así chamaremos ao noso listado de contactos. Se o destinatario é alleo a esta axenda deberemos escribilo co seu enderezo completo.

Se precisamos enviar unha copia a outro/outros contactos podemos optar por Añadir CC (copia normal), ou Añadir CCO (copia oculta, que é o máis recomendable cando realizamos envíos masivos).

O "Asunto" é o título da mensaxe que lle aparecerá ao receptor na súa caixa de correo cando o reciba, antes de abrir a mensaxe. Serve de orientación sobre o contido.

E finalmente o corpo da mensaxe é onde escribiremos o texto. Como vedes dispoñemos de varias ferramentas de formateado, moi simple, pero similar a un procesador de texto (negriña, cursiva, subliñado, tipo de letra, tamaño, cor, ...).

Cando teñamos rematado o proceso non temos máis que premer no botón Enviar, da parte superior, e listo. Tamén temos a opción de gardalo se temos que abandonar a tarefa antes de ter rematada a mensaxe, e a de descartar todo (abandonar sen gardar a mensaxe). Finalmente podemos etiquetar a mensaxe do mesmo xeito que na caixa de entrada.

Tamén podemos achegar un ou varios arquivos que teñamos no noso equipo. Para iso basta con premer sobre o texto Adjuntar un archivo que atopamos baixo a caixa de "Asunto", como podemos observar na imaxe anterior. Cando se abra a ventá correspondente só teremos que navegar polo administrador de arquivos e seleccionar o que desexemos enviar. Hai que ter coidado co tamaño dos mesmos, pois cada plataforma ten os seus propios límites. No caso de Gmail o tamaño máximo é de 25 Mb por envío.