Neste apartado ofrécense orientacións para deseñar o PL (facendo fincapé nos compoñentes e na avaliación).
Contextualización
Débese evidenciar que o plan se adapta ás características do centro e ás necesidades da comunidade educativa.
É esencial para garantir que o PL sexa percibido como unha proposta realista, coherente e relevante, xa que define o marco no que se desenvolverán as accións destinadas á mellora da competencia lectora (CL). Ademais, permite comprender o papel da lectura no Proxecto Educativo do centro e aliñar o plan coa normativa vixente e coas iniciativas previas.
Debemos ter en conta:
- Idea e importancia da CL. A concepción que se teña da lectura condiciona as iniciativas do PL. Se se entende como unha competencia clave para a aprendizaxe e o desenvolvemento do alumnado, ocupará un lugar central na vida do centro. Por iso, resulta necesario definir a CL e as aprendizaxes que deben ensinarse para o seu desenvolvemento.
- Descrición breve do centro e do contexto sociocultural e económico. O centro sitúase nun contexto sociocultural e económico concreto que inflúe no acceso á lectura, no apoio familiar e nas oportunidades educativas fóra da escola. A diversidade do alumnado fai necesario un PL inclusivo que teña en conta as distintas realidades para garantir a equidade no acceso á lectura.
- Relación do PL co proxecto de centro. O PL debe integrarse de maneira coherente no proxecto educativo do centro, contribuíndo á formación integral do alumnado, á mellora da comprensión lectora, ao fomento do hábito lector e ao desenvolvemento do pensamento crítico. O plan é un elemento esencial da cultura educativa e coordínase con outros proxectos do centro.
- Relación do PL coa lexislación educativa. O PL elabórase de acordo coa lexislación educativa vixente e coas orientacións internacionais, que establecen a CL como un eixo fundamental do currículo. A través do plan, o centro dá cumprimento á normativa e desenvolve accións orientadas á promoción da lectura en consonancia cos obxectivos do sistema educativo.
- Referencia ás iniciativas previas de ensino da CL. O PL parte da traxectoria do centro no traballo da lectura. As experiencias e prácticas anteriores, recollidas na análise inicial, constitúen a base sobre a que se constrúe o plan.
- Información sobre a avaliación inicial do alumnado e do profesorado. Permite detectar necesidades e establecer os obxectivos do PL. Moitas das actuacións propostas responden ás necesidades formativas identificadas, o que fai que o plan sexa específico e axustado ao contexto do centro nun período determinado.
- Persoas destinatarias do PL. O PL diríxese ao alumnado de todas as etapas educativas, adaptándose aos seus niveis de desenvolvemento da CL. Inclúe tamén toda a comunidade educativa.
- Síntese. O PL preséntase como unha resposta ás necesidades de mellora da CL detectadas na avaliación inicial, adaptada ao contexto do centro e á diversidade do alumnado, e deseñada a partir das posibilidades e recursos dispoñibles
Obxectivos
A correcta formulación dos obxectivos é esencial na presentación do PL, deben reflectir unha análise inicial das prácticas lectoras e da avaliación do alumnado e do profesorado, tendo en conta o contexto e recursos do centro.
Preséntanse as claves para a súa elaboración:
- Aliñación coas necesidades, o contexto e a normativa: os obxectivos do PL responderán ás necesidades detectadas no alumnado e no profesorado, adaptándose á normativa educativa vixente e mais ao contexto e recursos do centro. Ademais, debe explicitarse a relación entre os obxectivos e as competencias do currículo.
- Características dos obxectivos: deben ser específicos, medibles, alcanzables, relevantes e cunha data límite. Os obxectivos medibles facilitan a avaliación, a alcanzabilidade garante o realismo, a relevancia asegura o impacto na mellora da lectura e a data límite organiza o proceso.
- Relación entre os obxectivos e as liñas de acción: as liñas de acción do PL deben estar directamente vinculadas aos obxectivos. Por exemplo: se se pretende mellorar a conciencia fonolóxica en Educación Infantil e Educación Primaria, as actividades incluirán identificación, segmentación, comparación, categorización ou substitución de sílabas e fonemas.
- Análise de textos modelo: a revisión do PL previo do centro e doutros plans doutros centros pode orientar a formulación dos obxectivos, entendendo estes textos como modelos de adaptación.
Segundo Iza (2006, p. 52), algúns obxectivos principais dun PL deben ser:
• “Garantir o desenvolvemento da competencia lectora do alumnado.
• Propiciar as condicións para que poida cultivarse o hábito lector.
• Contar cun plan estruturado e sistematizado para o ensino da lectura en todas as áreas.
• Previr as dificultades de lectura.
• Coordinar o profesorado no ensino da lectura.
• Garantir unha boa utilización dos recursos.
• Implicar as familias.
• Impulsar a formación do profesorado no relativo á lectura."
Na “Guía para a elaboración dun Plan de fomento da lectura nun centro de Educación Primaria” (FGSR e López, 2024, p. 15) propóñense obxectivos xerais que inclúen tamén a expresión escrita e a oralidade, como:
• “Espertar o gusto pola lectura como vía para acceder ao coñecemento e como fonte de pracer persoal e social.
• Mellorar a lectura, a comprensión e a interpretación de todo tipo de textos.
• Mellorar a produción de textos escritos e multimodais.
• Mellorar a produción de textos orais e multimodais.
• Dispoñer dos medios materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento do Plan Lector.
• Facer partícipe toda a comunidade educativa e as institucións afíns.”
Finalmente, a modo de exemplo, Montijano (2016, p. 148) presenta os seguintes obxectivos para un PL de ED. Primaria:
- “Desenvolver estratexias de comprensión e expresión oral para unha lectura fluída e con entoación adecuada.
- Comprender distintos tipos de textos adaptados á idade do alumnado.
- Empregar estratexias de comprensión lectora para obter información.
- Seleccionar a información relevante dun texto para o seu posterior tratamento.
- Valorar a información de distintos tipos de textos.
- Utilizar a lectura como medio para mellorar e ampliar o vocabulario e fixar a ortografía.
- Apreciar o valor dos textos literarios e recorrer á lectura como medio de gozo e información.
- Estimular o hábito de lectura espertando a necesidade de ler.”
Liñas de acción
As liñas de acción deben contemplar as aprendizaxes necesarias para desenvolver a competencia lectora (CL) de forma transversal en áreas lingüísticas e non lingüísticas.
Cruz Ripoll (2023) identifica como fundamentais: preditores da competencia lectora, comprensión da linguaxe, estratexias de comprensión lectora, lectura dixital e motivación cara á lectura.
No seu libro “Un marco para el desarrollo de la competencia lectora” presenta unha secuencia, desde o segundo ciclo de Educación Infantil ata Bacharelato, que resulta útil para planificar a temporalización do PL.
Un PL completo debe incluír: avaliación, atención ao alumnado con necesidades específicas, lectura plurilingüe, biblioteca escolar e colaboración coas familias e coa contorna:
- Preditores da CL. Débense traballar a conciencia fonolóxica, coñecementos sobre a linguaxe escrita, relacións entre letras e sons, síntese e recoñecemento de palabras, fluidez e descodificación avanzada.
- Comprensión da linguaxe. É importante ensinar vocabulario, sintaxe, tipoloxía e estrutura textual, así como a capacidade de elaborar inferencias.
- Estratexias de comprensión lectora. Recoméndase o ensino explícito mediante estratexias como planificación da lectura, activación de coñecementos previos, predicións e inferencias, autopreguntas, reflexión sobre a comprensión e elaboración de resumos ou notas.
- Lectura dixital. Deben ensinarse estratexias de alfabetización informacional: procura, navegación, valoración de fiabilidade e integración de información de distintas fontes.
- Motivación cara á lectura. Fomentarase mediante a elección de textos, adaptación ao nivel do alumnado, lectura colaborativa (faladoiros, clubs de lectura), relación con outras competencias comunicativas, recomendacións segundo intereses e énfases na relación entre o esforzo e o resultado.
- Avaliación. Debe ser inicial, continua e final, contará con probas de CL, cuestionarios de autopercepción e hábitos lectores, instrumentos de observación en aula e biblioteca. Permitirá avaliar o propio PL.
- Atención ao alumnado con necesidades específicas. Contemplaranse apoios a alumnado con necesidades específicas como trastornos da linguaxe, TDAH, TEA, discapacidade intelectual, dislexia, discapacidade auditiva ou L1 distinta á vehicular, así como estratexias que contemplen a lectura plurilingüe.
- Lectura plurilingüe. Teranse en conta a L1 do alumnado, transferencia de habilidades lectoras entre linguas, desenvolvemento de estratexias específicas por lingua, conciencia metalingüística e creación dunha contorna inclusiva (Ministerio de Educación, 2002).
- Biblioteca escolar. Espazo clave para dinamizar o PL, promovendo a lectura e facilitando acceso a materiais adaptados a niveis, necesidades e intereses do alumnado. Debe contar con coleccións heteroxéneas e actualizadas, persoal capacitado e actividades como encontros con autores ou talleres (Fabregat, 2022).
- Colaboración coas familias. Permite reforzar obxectivos fóra da escola mediante obradoiros, lectura en voz alta, recunchos de lectura na casa e participación en faladoiros
- Colaboración coa contorna. Fomentaranse experiencias lectoras significativas fóra do centro con bibliotecas públicas, centros culturais, museos, librarías, autoras e ilustradoras mediante visitas guiadas, obradoiros, contacontos, feiras e concursos literarios.
Organización
A implantación dun PL require a implicación coordinada de distintos axentes con funcións definidas e aliñadas cos obxectivos do plan: equipo directivo, coordinador/a do PL e profesorado.
- Equipo directivo. Proporciona respaldo institucional, fomentando un ambiente favorable e asegurando que o plan sexa prioritario no proxecto educativo do centro. Facilita recursos, tempo e promove a implicación de toda a comunidade educativa.
- Persoa coordinadora. Lidera e artella o desenvolvemento do PL.
- Profesorado. É responsable de propoñer iniciativas adaptadas ao seu alumnado e implantar as actividades acordadas dentro e fóra da aula. A súa implicación é clave para que o PL non se limite a actividades illadas, senón que sirva para innovar no ensino, fomentar a competencia lectora (CL) nas súas distintas dimensións e consolidar o traballo colaborativo.
Hai que ter en conta que non todas as persoas poden percibir o PL como unha oportunidade de mellora baseada na innovación e colaboración. Factores como a cultura do centro, a inestabilidade do profesorado, a falta de formación ou os recursos limitados poden xerar resistencia ao cambio.
Recursos
Para un PL efectivo, é fundamental contar con recursos que permitan acadar os obxectivos do plan. Estes recursos deben aliñarse co deseño e os obxectivos específicos do PL e divídense en catro categorías: humanos, espaciais, didácticos e económicos.
- Recursos humanos. Inclúen todo o persoal implicado: equipo directivo, coordinadores, docentes, alumnado, familias e colaboradores externos. Cada axente desempeña un papel específico na organización, implantación ou avaliación do plan.
- Recursos espaciais. Os espazos do centro destinados ao PL poden ser aulas, recuncho de lectura, biblioteca de aula, biblioteca escolar, salón de actos e espazos intermedios como corredores ou recibidores, cada un con actividades específicas.
- Recursos didácticos. Comprenden materiais e ferramentas para o ensino e a aprendizaxe da lectura: libros de texto, materiais de lectura e avaliación, bibliografía específica, recursos tecnolóxicos e exemplos de experiencias de éxito replicables no centro.
- Recursos económicos. É necesario un orzamento que permita adquirir libros, materiais e tecnoloxía, financiar actividades complementarias como visitas de autores e autoras ou eventos literarios, e considerar axudas ou subvencións de institucións educativas e culturais.
Xestión dos recursos. Os recursos débense presentar de xeito organizado, vinculados con obxectivos e liñas de acción. É importante indicar responsables de coordinación e mantemento, así como procedementos para o seu uso eficiente (consúltese a táboa 4 da páxina 73 do libro).
Temporalización
Hai que establecer un cronograma que permita planificar e desenvolver as actividades ao longo do curso. Facilitará a coordinación dos recursos, a repartición de tarefas, e posibilitará un seguimento eficaz. Permite a avaliación de cada actividade e axuda a adaptar o plan ás necesidades.
Preséntase un "modelo" para a planificación dunha actividade de ED. Primaria (táboa 5, páxina 74).
Formación do profesorado
A formación docente debe estar aliñada cos obxectivos do PL para implantar estratexias efectivas que desenvolvan a competencia lectora (CL) do alumnado.
- Proceso colaborativo. A formación débese concibir como un proceso continuo que abranga deseño, implantación e avaliación do PL, e que permita adaptar as prácticas segundo os resultados, as necesidades e os posibles cambios nos obxectivos. Debe involucrar todo o profesorado, fomentar a cultura da colaboración, compartir responsabilidades e adaptarse a coñecementos previos e intereses de cada docente. Os docentes de nova incorporación ao centro deben recibir capacitación específica para integrarse rapidamente.
- Contidos da formación. Débense proporcionar fundamentos metodolóxicos para o ensino da CL, incluíndo deseño de actividades que promovan aprender a ler, ler para aprender e desenvolver o gusto pola lectura. Para o equipo directivo e persoas coordinadoras, a formación inclúe:
-Aspectos do deseño e aplicación do PL e da CL que logo compartirán co profesorado.
-Capacidades de liderado, xestión e comunicación para coordinar e guiar o profesorado.
Os contidos deben considerar obxectivos específicos, duración adecuada e circunstancias individuais para asegurar unha experiencia formativa efectiva.
- Responsables da formación: Poden ser expertos externos ou persoas coordinadoras e docentes con experiencia en CL. Esta combinación favorece unha comunidade de aprendizaxe onde os docentes colaboran e comparten boas prácticas. Recoméndase facilitar recursos específicos como bibliografía, guías, plataformas dixitais e materiais de consulta para a aprendizaxe autónoma e continua. Un modelo de formación adaptado e aliñado cos obxectivos do PL mellora as prácticas docentes, promove a colaboración e contribúe ao desenvolvemento profesional do profesorado, o que repercute directamente na calidade educativa do centro.
Comunicación
A comunicación é clave para o éxito do PL, xa que informa, implica a comunidade educativa e crea unha cultura de lectura. Unha estratexia ben definida facilita a difusión de accións e logros.
Os obxectivos son principalmente dous:
- Informar sobre as actividades realizadas e os progresos na consecución dos obxectivos do plan.
- Concienciar a comunidade educativa sobre a importancia do PL e da CL na formación do alumnado.
Destinatarios:
1. Internos: comunidade educativa: profesorado, alumnado e familias, que deben coñecer as actividades, os logros e os obxectivos para participaren activamente.
2. Externos: persoas e entidades de fóra do centro, como a comunidade local, outras institucións educativas e a sociedade en xeral.
Canles de comunicación.
-Materiais impresos: carteis, folletos, dípticos e circulares para familias.
-Plataforma educativa: centraliza a información, comparte recomendacións e recursos dixitais e tamén promove eventos.
-Web do centro e redes sociais: permiten difusión externa, interacción dinámica e publicación de vídeos ou fotografías.
-Revista escolar e radio: poden difundir experiencias lectoras, artigos, entrevistas ou reportaxes.
-Reunións informativas: fomentan a participación e a retroalimentación da comunidade educativa.
Espazos de comunicación.
O centro educativo é o principal espazo, incluíndo as aulas, a biblioteca, a entrada, os corredores, as escaleiras e os taboleiros de anuncios, lugares nos que se poden colocar murais, carteis e outra información relevante.
Avaliación
A avaliación é a fase final e esencial no deseño do PL, e vai permitir valorar o impacto das accións e analizar os compoñentes do plan (Lluch e Zayas, 2015; Fabregat, 2022).
O foco da avaliación débese centrar en:
1. Actividades realizadas: valorar a súa eficacia e resultados.
2. Organización interna: analizar a coordinación e a coherencia das iniciativas e liñas de acción.
3. Resultados obtidos: medir o grao de consecución dos obxectivos e desenvolvemento da competencia lectora do alumnado.
4. Proceso de deseño e implantación: identificar fortalezas e áreas de mellora na planificación e execución do plan.
Recoméndase usar probas de comprensión lectora, listas de control, informes sobre liñas de acción e comunicación, e cuestionarios de satisfacción aplicados aos diferentes axentes. Isto permite obter datos cuantitativos e cualitativos sobre a percepción da comunidade educativa.
Informe final.
A información recompilada debe presentarse nun informe que inclúa logros, debilidades e propostas de mellora, compartido con todos os axentes implicados para favorecer a reflexión e orientar futuras decisións.
A avaliación integral non só mide resultados, senón que constitúe unha oportunidade para analizar o deseño, a implantación e o impacto do plan, contribuíndo á mellora das prácticas docentes e ao desenvolvemento da competencia lectora do alumnado.