Saltar navegación

3.1. O concepto de biblioteca escolar

A biblioteca escolar non debe entenderse como un simple espazo de almacenamento de libros, senón como un espazo educativo e cultural activo, no que se desenvolven procesos de aprendizaxe e de lecer vinculados á lectura e, nun sentido amplo, á cultura propia do século XXI.

Neste senso, o Preámbulo da Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOMLOE), subliña a necesidade dun sistema educativo moderno, aberto, menos ríxido, multilingüe e cosmopolita, capaz de desenvolver o potencial e o talento da mocidade.

Desde a perspectiva do benestar infantil, a OMS considera que as escolas son institucións privilexiadas para o desenvolvemento integral da infancia. En coherencia cos obxectivos da Unión Europea e da UNESCO, recollidos na Axenda 2030, a biblioteca escolar debe concibirse como un espazo que favoreza a cohesión da comunidade educativa e a súa vinculación transversal coa cultura, cunha mirada inclusiva que respecte a diversidade cultural, social, ideolóxica, física e lingüística, e con sensibilidade de xénero ante as desigualdades existentes. 

Debe contribuír á formación de alumnado capaz de localizar, valorar, transformar e difundir a información de maneira crítica, creativa e ética, fomentando a autonomía progresiva, a colaboración, o traballo en equipo e a participación activa na comunidade.

A iso súmase a formación no uso eficaz, seguro, ético e crítico das tecnoloxías da información, á aprendizaxe e á comunicación, co obxectivo de compensar posibles brechas sociais, así como a atención ao benestar emocional, á saúde mental, ao respecto aos dereitos da infancia e ao compromiso co desenvolvemento sostible. Todos estes principios débense reflectir na configuración do espazo físico e virtual, no Plan de Lectura, no deseño da colección, nas actividades de fomento lector e mais no Proxecto Educativo do Centro. A súa organización e deseño adaptaranse ao tipo de centro, ás ensinanzas que oferta, ás etapas educativas, ao número de alumnado e tamén aos proxectos didácticos e liñas estratéxicas do centro. Todo iso condiciona a selección de materiais, a configuración da colección e as dinámicas de traballo, xa que o seu principal labor é apoiar a comunidade educativa.

Ademais, a biblioteca escolar débese converter nun espazo de encontro e innovación, xerador de dinámicas formais e informais, e actuar como unha ponte bidireccional entre o centro educativo e a vida cultural da súa contorna. Esta función implica proxectar a biblioteca máis aló do espazo físico, tanto mediante colaboracións presenciais coma a través de contornas virtuais, e coñecer os recursos culturais dirixidos á infancia e á adolescencia existentes na contorna para dotar de maior sentido e impacto ao seu plan de traballo. 

Todo isto converte a biblioteca escolar nun elemento clave de cohesión, inclusión e compensación social. Esta diversidade de contextos implica que non exista un único modelo de biblioteca escolar.

Os seus espazos físico e dixital deben reunir condicións que favorezan o seu papel estratéxico: localización diferenciada, boa ambientación, flexibilidade, accesibilidade universal, sinalización clara, conectividade adecuada e mobiliario funcional.

Debe contar con zonas diferenciadas para a lectura, traballo en grupo, obradoiros, actividades culturais, creación dixital e outras propostas adaptadas ás necesidades do centro.

O espazo virtual débese actualizar con frecuencia, facilitar a consulta do catálogo, o acceso a recursos dixitais e ofrecer información diferenciada para alumnado, familias e profesorado.

Todo iso debe complementarse cunha colección variada e actualizada e con persoal cualificado, con formación pedagóxica e dedicación horaria específica. Antes de poñer en marcha unha biblioteca escolar ou o seu plan de traballo, é imprescindible implicar todos os sectores da comunidade educativa no deseño da súa estratexia, recollendo propostas, expectativas e necesidades. Así mesmo, a análise de bibliotecas de referencia, as visitas presenciais, o intercambio de experiencias e mais o traballo en rede permiten optimizar recursos, aprender de boas prácticas e responder de forma máis eficaz aos retos educativos e culturais actuais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)