Saltar navegación

2.1 Educación Infantil

2.1.1 O fomento da lectura na normativa de Educación Infantil

O Real Decreto 95/2022, que regula a Educación Infantil en España, integra a literatura infantil na área de Comunicación e Representación da Realidade, resaltando o seu valor lúdico, emocional e cultural. Promóvese o uso de rimas, contos e outros textos orais desde un enfoque competencial, especialmente nas competencias 4 e 5, que fomentan a participación activa en actividades literarias e a valoración da diversidade lingüística e cultural.

  • No primeiro ciclo (0-3 anos) a literatura céntrase no gozo a través de nanas e cancións, destacando o seu papel na interacción comunicativa e a transmisión de valores como a paz, a igualdade e a diversidade.
  • No segundo ciclo (3-6 anos) refórzase o uso da biblioteca como espazo de lectura e aprendizaxe, promovendo tanto a lectura funcional coma a literaria en distintos formatos, e fomentando a expresión persoal mediante a literatura e outras linguaxes artísticas.

É preciso vincular a lectura ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), tal como indica a lei. Recoméndase a consulta de recursos especializados, como este documento elaborado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez. 

2.1.2 Particularidades da etapa que inflúen no tratamento da lectura

A primeira escolarización dáse na etapa preoperacional (2-7 anos) segundo Piaget, caracterizada pola curiosidade da cativada, o seu interese pola contorna e a interacción con outros, o que favorece o desenvolvemento da linguaxe, a autoestima e o autoconcepto. Aínda que ao comezo pensan que son o centro do mundo, a escola axuda a desenvolver o respecto polas ideas dos demais e fomenta a creación de novas hipóteses sobre a realidade.

A educación literaria é unha ferramenta clave nesta etapa, xa que permite explorar conflitos psicolóxicos e sociais próximos ao alumnado, ademais de achegar beneficios cognitivos, lingüísticos, emocionais e culturais.

É importante abordala de xeito global, integrando aspectos afectivos, intelectuais e expresivos, e comprender as linguaxes que constitúen as obras literarias.

En Educación Infantil a lectura é principalmente unha experiencia compartida con adultos e compañeiros e compañeiras, onde o docente actúa como mediador, achegando coñecementos literarios que requiren formación teórica, histórica e retórica.

O proxecto “Medra lendo comigo” de Leer.es ofrece guías de lecturas axeitadas para este alumnado:

2.1.3 Orientacións para o fomento da lectura en Educación Infantil

Aínda que adoita pensarse que os libros infantís deben estar estritamente etiquetados por idade e tema, demóstrase que é posible traballar con calquera obra (incluídos clásicos e literatura universal) sempre que o formato estea adaptado á etapa e exista mediación docente.

Sobre a comprensión lectora temperá: nesta etapa, o alumnado aínda non le de forma autónoma, pero constrúe as bases da interpretación e comprensión.

A lectura non se limita a descodificar palabras, senón a reflexionar sobre o escoitado e visto en imaxes, principalmente mediante lectura en voz alta e libros ilustrados.

Débense traballar as tres dimensións da comprensión lectora:

-Literal: entender o que se di.

-Interpretativa: captar significados e relacións.

-Crítica: reflexionar e cuestionar. Isto lógrase con preguntas, actividades e xogos.

En Educación Infantil, polo xeral trabállase cos 3 grandes xéneros e os distintos formatos: pódense abordar narrativa, poesía e teatro, ademais de narración oral e outros formatos como álbums ilustrados, pop-ups e libros de non ficción.

Como exemplos:

-Narrativa: personaxes, voces, tempo, espazo.

-Poesía: ritmo, sonoridade, figuras retóricas.

-Teatro: expresión corporal e dramatización.

Tendo en conta a narración oral e ambientación: a narración oral é moi eficaz, pero require preparación: crear un recuncho especial, sentar en círculo, dramatizar, modular a voz e vocalizar.

É importante realizar nesta etapa un achegamento ás Alfabetizacións Múltiples (AMI): a lectura enténdese como un proceso multisensorial que integra imaxes, sons, xestos e movementos. Isto fomenta unha actitude activa, crítica e creativa fronte ás mensaxes, incluíndo soportes dixitais.

Hai que ir máis aló da ficción: é preciso incluír textos de non ficción e vincular a lectura con todas as áreas do currículo.

Hai que ter en conta o impacto global na aprendizaxe: a lectura contribúe ao desenvolvemento da linguaxe, á comunicación, ao coñecemento da contorna, ao vocabulario matemático, á creatividade artística, á comprensión emocional e mais á educación en valores. Integrala en todas as áreas fortalece a aprendizaxe integral do alumnado.

2.1.4 Experiencias de éxito na Educación Infantil

A arte de contar historias: a narración frecuente en Infantil é esencial, aínda que esixe manter a atención do grupo e usar recursos expresivos como a voz, a entoación e a ambientación.

Combinar varias áreas: intégranse xogos motores, metodoloxía ABN, propostas de "Ler.es" e actividades para traballar valores e emocións a través da literatura

Faladoiros literarios: proposta pedagóxica que achega o alumnado a versións adaptadas de obras clásicas.

Páxinas web permiten escoitar autores recitando relatos e poemas, de xeito que enriquecen a experiencia lectora.

Aplicacións de Intelixencia Artificial que facilitan converter textos en audios ou vídeos con voces naturais para, alén de lerse, tamén se poidan escoitar.

Entroidos literarios: actividades nas que o alumnado se disfraza de personaxes literarias ou se homenaxea un autor ou autora ou mesmo unha obra concreta.

Clubs de lectura: grupos baseados en libros que o alumnado achega desde casa e comparten no recuncho lector da aula.

Portal Leer.es: propostas e actividades variadas baseadas en obras literarias

Experiencias coas familias: inclúen asesoramento, préstamos de libros e recursos que implican as familias na animación lectora.

Experiencias coa contorna: visitar institucións e participar en iniciativas locais que fomenten a lectura ou consultar os seus materiais e boas prácticas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)