Saltar navegación

2.2 Educación Primaria

2.2.1. O fomento da lectura na normativa de Educación Primaria

No bloque xeral indícase como a LOMLOE contempla a animación á lectura como un elemento esencial para o desenvolvemento integral do alumnado.

Afondaremos agora no Real Decreto 157/2022, que concreta o papel central da lectura na Educación Primaria:

Artigo 6.3: establece que a lectura, xunto coa oralidade, a escritura e a creatividade, debe traballarse de maneira transversal en todas as áreas, reforzando que a competencia lectora é responsabilidade de todo o currículo.

Artigo 6.8 (1º punto): todos os centros deberán reservar un tempo diario de lectura dentro do horario escolar para fomentar o hábito lector e consolidar a súa práctica.

Artigo 7.e: a Educación Primaria debe asegurar o desenvolvemento de hábitos de lectura e escritura, esenciais para a competencia comunicativa do alumnado.

Artigo 6.8 (2º punto): sinala a necesidade de impulsar iniciativas que permitan acceder á lectura en distintos formatos e linguaxes, promovendo unha alfabetización múltiple adaptada ás novas contornas.

Artigo 8.1: destaca a importancia de traballar con diversos tipos de textos na área de Lingua Castelá e Literatura para favorecer o gusto por ler e ampliar a experiencia literaria.

Artigo 16.4: indica que as medidas de atención á diversidade deben asegurar que todo o alumnado alcance o desempeño agardado, adaptando materiais de lectura e recursos ás súas necesidades.

Como conclusión: a normativa da Educación Primaria reforza a lectura como un eixo central do desenvolvemento competencial. A súa promoción concíbese como un traballo transversal que implica a todas as áreas, favorecendo o hábito lector, a diversidade textual e a accesibilidade para todo o alumnado.

2.2.2 Particularidades da etapa que inflúen no tratamento da lectura

Tendo en conta as características evolutivas e educativas que inflúen no tratamento da lectura e no interese por ler, exponse esa influencia en cada un dos ciclos:

  • 1º e 2º de Primaria (6-8 anos)

O alumnado comeza a comprender que os textos transmiten mensaxes, a lectura aínda é lenta e mecánica e depende moito da motivación externa.

Características do interese e hábito lector neste ciclo:

• Desenvolvemento da descodificación: necesitan textos simples, repetitivos e con frases curtas.

• Preferencia por libros ilustrados: as imaxes facilitan a comprensión e a atención.

• Importancia da narración oral: escoitar contos reduce a carga cognitiva e mantén o interese.

• A lectura como experiencia afectiva: a emoción compartida con adultos favorece a motivación.

• Motivación extrínseca: os reforzos e o recoñecemento aumentan o interese polos libros.

  •  3º e 4º de Primaria (8-10 anos)

A lectura vólvese máis fluída e comeza a ser unha actividade pracenteira. O alumnado descobre os seus gustos, desenvolve un pensamento máis analítico e conecta o lido coas súas experiencias persoais.

Características do interese e hábito lector neste ciclo:

• Maior fluidez lectora: poden gozar de textos máis longos.

• Expansión de intereses: prefiren aventuras, misterio, fantasía e textos informativos.

• Desenvolvemento da inferencia: comezan a anticipar e comprender significados implícitos.

• Influencia social: comparten lecturas e recomendacións entre compañeiros e compañeiras.

• Necesidade de estímulos axeitados: a variedade de textos dispoñibles inflúe na súa motivación.

  • 5º e 6º de Primaria (10-12 anos)

A lectura convértese nun medio para comprender o mundo, reflexionar e desenvolver o pensamento crítico. Buscan historias máis complexas e personaxes coas que identificarse.

Características do interese e hábito lector neste ciclo:

• Lectura como ferramenta de coñecemento: comprenden o valor informativo dos textos.

• Pensamento crítico: analizan e cuestionan o que len.

• Influencia do grupo de iguais: comparten lecturas e poden participar en actividades lectoras.

• Formatos dixitais: medra o interese por cómics/banda deseñada, e-books e materiais interactivos.

• Risco de abandono lector: o aumento de esixencias e do lecer dixital pode reducir o hábito se non está consolidado.

2.2.3 Orientacións para o fomento da lectura en educación Primaria

Fomentar o interese e o hábito lector en Educación Primaria implica moito máis ca ofrecer lecturas atractivas. Require unha visión ampla que combine a animación á lectura coas diversas alfabetizaciónsinformacional, dixital, audiovisual ou emocional— e que ofreza experiencias lectoras motivadoras, variadas e vinculadas á vida real do alumnado. A creación de ambientes agradables, o traballo por proxectos e mais as iniciativas de centro convértense así en oportunidades para ler desde a emoción, o descubrimento e a participación activa.

Preséntanse sete tipoloxías de boas prácticas que demostraron ser especialmente eficaces para consolidar comunidades lectoras activas e participativas dentro dos centros educativos:

1. Ambientes lectores que convidan a quedar.

A creación de espazos físicos e afectivos para a lectura inflúe directamente na actitude do alumnado. Unha contorna acolledora, cómoda e visualmente atractiva transmite que ler é valioso e estimulante.

Os ambientes lectores facilitan a concentración, a autonomía, a exploración e mais o vínculo emocional cos libros. Elementos como andeis accesibles, recunchos confortables, decoración alusiva á lectura e a presenza de persoas adultas como modelos lectores reforzan o hábito e a motivación lectora.

2. Animación lectora desde as alfabetizacións múltiples: ler con todas as linguaxes

A animación á lectura debe incorporar múltiples linguaxes: oralidade, dramatización, imaxe, música, tecnoloxía e movemento.

As experiencias lectoras significativas, baseadas en proxectos reais e colaborativos, aumentan a motivación e conexión cultural do alumnado. Entre as estratexias destacan: “booktrailers”, radio escolar literaria, teatro e dramatización, lectura combinada con “scratch” ou música, cinema, clubs de lectura, podcast literarios e revistas escolares.

3. Animación á lectura como experiencia social: ler xuntos, gozar máis.

A lectura compartida potencia a motivación e mais a aprendizaxe colectiva.

A lectura en comunidade xera vínculos afectivos, fortalece a comunicación oral e a empatía, e ademais permite construír un significado compartido.

As boas prácticas inclúen: clubs de lectura infantís ou familiares, apadriñamento lector, lectura en parellas cooperativas, lecturas compartidas en gran grupo, personaxes lectores misteriosos, caixas lectoras colaborativas e actividades estendidas á contorna, como feiras lectoras ou maratóns de lectura.

4. Lectura para comprender, reflexionar e dialogar: ler con cabeza e corazón.

Máis aló de descodificar, ler implica comprensión, reflexión e diálogo. A lectura desenvolve o pensamento crítico, a capacidade de facer inferencias e construción de identidade.

Algunhas estratexias eficaces inclúen: preguntas antes, durante e despois da lectura; organizadores gráficos; lectura con marcadores; faladoiros; comparación de versións; diarios de lectura; lecturas paralelas e textos con final aberto. O obxectivo é que o alumnado interprete e conecte o que leu co seu mundo e con outras lectoras e outros lectores.

5. Autonomía lectora: ler por desexo, non por obriga.

Fomentar a autonomía lectora implica que o alumnado escolla o que quere ler, cando quere ler e como quere ler. Deste xeito, fortalecerá tanto a motivación interna coma a identidade lectora.

Estratexias: bibliotecas de aula accesibles, pasaportes ou retos lectores, rodas ou mapas de elección de lectura, círculos de lectura con elección libre, recomendacións entre iguais e tempo diario de lectura libre.

Algunhas prácticas concretas inclúen: ser bibliotecaria ou bibliotecario por un día, obradoiros de “escolle a túa próxima lectura” e diarios lectores personalizados.

6. A familia como aliada lectora: ler xuntas e xuntos crea vínculos duradeiros.

A implicación familiar reforza hábitos e xera recordos positivos asociados á lectura. Actividades que poden incluírse: libros viaxeiros ou mochilas lectoras, diarios lectores familiares, cartas lectoras entre xeracións, faladoiros literarios familiares e clubs de lectura mixtos, contacontos por parte da familias…

A colaboración entre fogar e escola asegura continuidade e coherencia na educación lectora.

7. Lectura en clave de reto e proxecto: cando ler se converte nunha aventura.

Integrar a lectura en proxectos gamificados ou retos aumenta a motivación e conecta a lectura con experiencias lúdicas, sociais e creativas.

Exemplos como: “escape room” literario, “Bookflix/Biblioflix” de aula, bibliotecaria ou bibliotecario por un día, feira do libro escolar, lecturas con misións e proxectos solidarios vinculados á lectura. Estas experiencias converten a lectura nunha vivencia integral e fomentan competencias clave como a colaboración, a creatividade e mais o pensamento crítico.

Como conclusión:

O fomento da lectura en Educación Primaria require combinar o respecto pola diversidade, a liberdade de elección, as experiencias compartidas, os ambientes adecuados, a implicación familiar e mais os proxectos lúdicos. A escola e o profesorado actúan como mediadoras que acompañan, celebran e motivan, facendo que ler deixe de ser unha obriga e se transforme en parte da identidade do alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)