A formación de lectores competentes require a articulación dos elementos do centro educativo que funcionen de maneira integrada (como o PL e o proxecto educativo) co obxectivo de dar prioridade ao desenvolvemento da competencia lectora en todas as áreas. Neste ecosistema, o proxecto lector debe promover un ambiente lector e accións que atendan a todas as dimensións da lectura, xunto cunha organización escolar que impulse a participación de toda a comunidade educativa.
A biblioteca escolar desenvolve un papel central ao ofrecer unha visión ampla da lectura como acceso á literatura, á información e a espazos de investigación e cultura que respondan as necesidades curriculares e individuais. Aínda que o seu destinatario principal é o alumnado, a biblioteca tamén ten que ter en consideración docentes, familias e contorna.
Contribúe a este proceso mediante a calidade e diversidade dos materiais, así como a través de actividades de difusión, asesoramento e formación planificadas.
As accións de difusión buscan dar a coñecer os fondos, a súa organización, os servizos e as posibilidades pedagóxicas da biblioteca, mediante recursos como guías xerais, guías de lectura temáticas, seleccións por idades ou xéneros e a comunicación de novidades.
En canto ao asesoramento, a biblioteca actúa como centro de coñecemento que apoia o labor docente, achegando criterios de selección de materiais, recursos complementarios e espazos de intercambio e preparación conxunta de actividades.
As súas actividades formativas oriéntanse a potenciar as funcións específicas da biblioteca dentro do contexto escolar. Neste sentido, deben:
-Mediar entre o alumnado e os fondos documentais.
-Propiciar a interacción entre a comunidade educativa.
-Acompañar na selección dos materiais.
-Favorecer a autonomía progresiva do uso documental.
-Aportar criterios para as actividades culturais de ocio e acceso a información.
-Fornecer e ensinar recursos para a difusión da comunicación.
-Promover intercambios culturais entre a comunidade educativa.
Para favorecer a formación lectora é preciso establecer unha programación baseada en obxectivos de aprendizaxe e organizada como un proceso progresivo desde os primeiros cursos ata o final de ED. Primaria.
Esta programación debe incluír propostas variadas que atendan ás distintas dimensións da lectura:
A. Investigar
Desenvolvemento da competencia informacional: procura, selección, tratamento e comunicación da información. Ao finalizar a Educación Primaria, o alumnado debe ser capaz de utilizar de forma autónoma a biblioteca e as plataformas dixitais, manexar instrumentos de busca, tanto en contornas físicas coma virtuais (incluído o uso crítico da intelixencia artificial), seleccionar materiais segundo necesidades e propósitos, valorar a información de maneira crítica, transformar datos de distintas fontes en producións propias e adquirir o hábito de usar a biblioteca como recurso para a investigación.
B. Informarse/aprender
Oriéntase á creación de espazos de aprendizaxe baseados na lectura, tendo en conta os multialfabetismos e a lectura multimodal. Os obxectivos inclúen aplicar estratexias de lectura adecuadas a distintos formatos e finalidades (informarse, opinar, aprender contidos curriculares), compartir lecturas para contrastar ideas e participar en conversacións respectuosas, seleccionar lecturas apropiadas para informarse e implicarse na lectura con diversos fins.
C. Ler obras de ficción
Esta dimensión aborda a formación de lectores literarios, o desenvolvemento de hábitos lectores e o progreso na competencia interpretativa. Búscase que o alumnado constrúa a súa identidade lectora, seleccione lecturas segundo os seus intereses, exprese as súas experiencias lectoras, valore a lectura como actividade de lecer persoal e colectiva, analice as obras desde distintos criterios, participe en actividades culturais e relacione a lectura con outras manifestacións artísticas.
O deseño de actividades debe implicar toda a comunidade educativa, con especial atención á formación de nenos e nenas como lectores e seres culturais, incluíndo a participación das familias para favorecer un ambiente lector máis alá da aula. As propostas deben responder a unha idea de progreso e ser avaliables a medio e longo prazo.
Entre as actividades posibles (seguindo os 3 tipos de actividades citadas anteriormente) inclúense faladoiros e clubs de lectura (como exemplo de boas prácticas están os Clubs de Lectura de Galicia), a participación na promoción da lectura e na organización da biblioteca, as prácticas lectoras contextualizadas, as lecturas compartidas e dramatizadas, as actividades "gamificadas", as accións para reforzar a identidade lectora e as propostas de extensión cultural.
Finalmente, sublíñase a importancia de atender á diversidade de lecturas, habilidades e perfís lectores, así como de reservar tempos específicos no horario escolar para o traballo formativo na biblioteca.