Saltar navegación

3.6. A persoa responsable da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares precisan de persoal cualificado para funcionaren como recurso educativo vivo. A persoa responsable debe ter formación en xestión de coleccións, ferramentas dixitais e tecnoloxía, pero sempre cun enfoque pedagóxico, integrado na dinámica do centro. Ten que ter un equipo de apoio e con dotación horaria e orzamentaria (entre o 5 e o 10% do presuposto global do centro).

Debe coordinar o equipo de apoio, colaborar co claustro, establecer vínculos con entidades externas, implicar alumnado, familias e profesorado, e fomentar a lectura e a alfabetización informacional. O perfil da persoa responsable é polivalente: competencias culturais, educativas e tecnolóxicas, capacidade de comunicación e traballo en equipo, e habilidades para organizar o plan de traballo da biblioteca, establecer obxectivos, accións e mecanismos de avaliación, tendo en conta as necesidades da comunidade educativa.

Funcións principais da persoa responsable, segundo o Marco de referencia para as bibliotecas escolares (Ministerio de Educación, 2011: 41):

  • Coordinar o plan de traballo, actividades e avaliación, distribuíndo tarefas co equipo.
  • Garantir as tarefas técnicas (catalogación, organización, empréstito…).
  • Acordar a adquisición de fondos cos equipos directivo e da biblioteca.
  • Orientar o alumnado e o profesorado no uso da biblioteca.
  • Participar no plan de lectura e escritura do centro e na educación en información.
  • Solicitar formación necesaria para si e para o equipo.
  • Mediar co claustro e coordinar colaboracións externas.
  • Asumir outras funcións do equipo se fose necesario.

O equipo de apoio ou a comisión de biblioteca escolar debe incluír docentes de distintas áreas, membros do departamento de orientación e especialistas TIC, contribuíndo ao logro e avaliación dos obxectivos da biblioteca. O liderado compartido permite integrar múltiples perspectivas e favorece a innovación. Sen o compromiso de todo o claustro, a biblioteca dificilmente cumprirá todo o seu potencial. Ademais, pódense crear grupos de apoio entre alumnado e familias para tarefas concretas ou horarios extraescolares, sempre coordinados pola persoa responsable.

A formación especializada da persoa responsable debe abranguer aspectos técnicos (tratamento da colección), fomento da lectura, alfabetización informacional, integración de ferramentas dixitais e xestión da multiculturalidade, entre outros.

É recomendable que esta formación se adapte ás necesidades concretas de cada biblioteca e se complemente con seminarios, redes de intercambio de boas prácticas e referentes asesores e asesoras. Ademais, incluír a biblioteca escolar na formación inicial do profesorado facilitaría a implicación de todo o claustro, garantindo o uso efectivo da mesma como instrumento de equidade, cambio educativo e acceso á cultura e información.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)