Inicia co debate sobre a necesidade de fomentar a lectura desde idades temperás e contrasta cos datos que reflicten as principais enquisas sobre hábitos lectores en España.
Hai dous estudos destacan neste ámbito: o “Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros” da FGEE (2024) e a “Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais” (EHPC), cuxa última edición completa é de 2021-2022, cun avance publicado en 2024.
Segundo o Barómetro, o 70,3 % da poboación maior de 14 anos le polo menos unha vez ao trimestre, e o 65,5 % faino por lecer. Tamén aumenta a lectura en formato dixital, que acada o 31,7 %. A EHPC, pola súa banda, sinala que o 61,7 % dos maiores de 15 anos leu polo menos un libro no último ano, cifra que sobe ao 66,3 % en 2024, aínda que o papel segue sendo o formato preferido para máis do 70 % das persoas lectoras.
As dúas enquisas reflicten un aumento dos chamados “lectores frecuentes”, especialmente entre a mocidade. Con todo, estes datos resultan chocantes coa percepción do profesorado, que observa “desinterese lector e carencias de competencia lectora” en moitos estudantes.
Ademais, os resultados de PISA confirman esta preocupación, xa que España obtivo “474 puntos en lectura”, por baixo da media da OCDE e a UE, e cunha clara tendencia á baixa desde 2015.
O debate actual entre especialistas céntrase en determinar se realmente se le menos ou se, máis ben, cambiaron as formas de ler nas novas xeracións.
Cassany (2005) sinala que hoxe se len moitos textos breves e variados, especialmente en contornas dixitais, onde se “salta” constantemente entre actividades e contidos, creando unha especie de “zapping da lectura”.
Cerrillo (2016) afirma que nunca houbo tantas persoas lectoras coma agora, aínda que a lectura perdeu prestixio e valoración social.
Ademais, obsérvase a aparición dun “neoanalfabetismo” que afecta a mocidade de países desenvolvidos, caracterizado por novas dificultades lectoras nun mundo dominado por tecnoloxías e formatos dixitais.
Aínda que a mocidade pasa moito tempo lendo en pantallas e redes sociais, moitos presentan vocabulario limitado, pouca concentración e dificultades para comprender e interpretar textos, o que limita o seu pensamento crítico. Segundo Cerrillo, esta mocidade, atraída polos novos soportes dixitais, non está formada por lectores literarios nin plenamente competentes.
Díez Mediavilla (2019) atribúe esta situación a factores como a falta de interese polos temas propostos e a necesidade de ofrecer lecturas máis próximas aos seus gustos e experiencias. Destaca a importancia de permitir que o alumnado escolla as súas propias lecturas e de incorporar medios electrónicos que lles resulten máis atractivos.
Formúlase así un dobre desafío para o profesorado: aproveitar o interese do alumnado pola lectura dixital e, ao tempo, fortalecer a súa comprensión profunda, pensamento crítico e goce estético dos textos, nun contexto onde a intelixencia artificial ten cada vez maior presenza.
Para iso, o curso propón diversas dinámicas, actividades e estratexias que integren os novos hábitos lectores e fomenten a comprensión e o pracer pola lectura nos distintos niveis educativos.