Procesador (CPU)
O procesador, tamén chamado CPU (Central Processing Unit), é o compoñente máis importante dun ordenador. Actúa como o cerebro da máquina: recibe datos, interpreta as instrucións dos programas e realiza os cálculos necesarios para que todo funcione.
As características principais dun procesador son:
- Velocidade de reloxo: mídese en GHz. Indica cantas operacións pode facer por segundo. Canto maior sexa, máis rápido será o procesador.
- Núcleos: cada núcleo funciona como un “mini procesador” dentro da CPU. Hoxe en día, os procesadores teñen varios núcleos (2, 4, 8 ou máis), o que lles permite facer varias tarefas á vez.
- Memoria caché: é unha memoria moi rápida que garda datos que se usan con frecuencia, para non ter que ir buscalos á memoria RAM.
- Ventiladores: os procesadores xeran calor cando traballan, por iso precisan ter sobre eles sistemas de refrixeración (ventiladores ou disipadores).
Existen diferentes marcas e modelos de procesadores. As máis coñecidas son Intel e AMD nos ordenadores persoais, aínda que tamén hai procesadores específicos para teléfonos móbiles (como os Snapdragon ou Apple Silicon).
O primeiro microprocesador da historia deseñouse entre 1968/70 para o chipset MP944 dun sistema integrado dun control de voo.






