- Xestión de roles
Ruta: Administrar > Mantemento de usuarios > Roles
Os roles permiten axustar ao detalle a seguridade e a administración de Drupal. Un rol define a un grupo de usuarios que ten certos privilexios. Entre os exemplos dos roles están: usuario anónimo, usuario "autenticado”, administrador, etc. Nesta área defínense os nomes dos diversos roles.
De forma predefinida, Drupal vén con dous roles de usuario, que non podemos borrar:
- Usuario anónimo: este rol emprégase para os usuarios que non teñen conta ou que non se autenticaron.
- Usuario autenticado: este rol é ao que se lle asigna automaticamente a tódolos usuarios que ingresan no sistema.
Isto quere dicir que un usuario que estea visitando a nosa páxina web sempre vai pertencer a un dos roles anteriores, porque ou ben non ten conta creada para acceder (usuario anónimo) ou ten un usuario e contrasinal co cal entra no sistema (usuario autenticado).
Outra cuestión básica que hai que ter en conta é que todos os usuarios autenticados tamén serán anónimos nalgún momento, xa que antes de acceder á páxina introducindo os seus datos de usuario e contrasinal, están en condición de anónimos.
A partir destes dous tipos de usuarios básicos, os administradores do espazo web do centro poden determinar e crear outros roles, como os citados: administrador, profesorado, alumnado, etc... Todos estes terán de forma inherente a condición de usuarios autenticados, co cal contarán cos permisos asignados ao rol autenticado e tamén aos do propio rol creado.
-
Engadir un novo rol
Para engadir un rol novo, o único que temos que facer é escribir o nome do novo rol e premer no botón de Engadir rol.

Para editar ou eliminar un rol debemos premer sobre o enlace situado na fila do rol desexado, onde di editar rol. Isto vainos permitir modificar o nome do rol e logo premer no botón Gardar rol para facer estes cambios efectivos. Tamén podemos borrar o rol premendo sobre o botón Borrar rol.

Despois de crear o rol asignamos os permisos correspondentes. Para acceder aos permisos temos que premer en editar permisos, debemos marcar os check que vexamos precisos para ese rol.

Duplicar un rol
Ruta: Administrar > Mantemento de usuarios > Duplicar rol
Se temos varios roles con permisos moi parecidos, en vez de crear cada novo rol e logo ir dando e revisando todos os permisos de control de acceso e máis os permisos por taxonomía, que é un traballo bastante laborioso, podemos facer un duplicado dun rol existente, que xa teña totalmente configurados os permisos. Deste xeito só teremos que variar os permisos necesarios para o novo rol.
O Sistema é moi sinxelo, escollemos o rol a duplicar no despregable, e na caixa de texto inferior, poñemos un novo nome. Prememos en “Crear novo rol” e xa nos queda duplicado o rol orixinal. Xa só falta modificar os permisos que diferencien o novo rol do vello.

No exemplo podemos ver o resultado de crear un rol “novo rol profe” a partir doutro rol “profesorado”, onde coinciden tódolos permisos de control de acceso.

Na parte inferior, pódense ver algúns dos permisos por taxonomía que tamén foron herdados polo novo rol” a partir do rol “profesorado”
