Os beneficios da videoconferencia en educación
A videoconferencia é unha ferramenta bastante coñecida no mundo empresarial que agora comeza a integrarse no docente. Como punto de partida, debemos recordar que unha videoconferencia é un medio de xuntar, sincrónica, visual e auditivamente, a persoas que non comparten o mesmo espazo físico cun fin ou meta común.
Dende esta perspectiva, a videoconferencia presenta un sinfín de posibilidades de interación co alumnado adulto, co beneficio de precisar só un mínimo de orientación inicial para saber desenvolverse cos programas que para elo existen.
Comparado con outros métodos de aprendizaxe semipresencial ou en liña, a videoconferencia presenta grandes vantaxes en termos de posibilidade de interación co alumnado, immediatez, motivación e aprendizaxe cooperativa.
Sen embargo, antes de pasar a valorar as nosas opcións como docentes, cómpre destacar os cinco beneficios principais de integrar a videoconferencia na aula en modo semipresencial ou a distancia.
A videoconferencia facilita a aprendizaxe fóra da aula
Todos sabemos que hoxe en día a educación non remata na aula, senón que é un proceso de aprendizaxe ao longo da vida, no que un dos maiores desafíos é o de integrar a aprendizaxe non-formal e informal na nosa forma de entender a educación. Dende esta perspectiva, as plataformas de videoconferencia teñen o potencial de poder facilitar o contacto con diferentes contextos nos que ocorre a aprendizaxe dun xeito doado e inmediato.
Para aquel alumnado con problemas de asistencia á aula, ter contacto a través da videoconferencia pode supoñer un xeito inmellorable de manter a súa motivación intrínseca e o interese polo curso.
A videoconferencia permite unha aprendizaxe interactiva e apoiada en recursos TIC
A videoconferencia permite incorporar o mundo virtual á aula dun xeito máis doado que na aula física, xa que contamos con que todo o alumnado debe ter uns recursos mínimos (computadora/tablet, teléfono intelixente, conexión a internet) para poder empregala, recursos cos que non sempre contamos no noso centro de traballo. Porén, esta é tamén unha das súas grandes desvantaxes, polo feito de que pode poñer de relevo a fenda dixital existente entre o noso alumnado.
Se temos pensado implementar sesións de videoconferencia, cómpre considerar adicar sempre alo menos unha sesión de formación na aula para o alumnado, e explorar quen non dispón dos recursos necesarios e planificar a nosa achega en consecuencia. Por sorte, a plataforma Webex ofrece unha opción de conectividade vía teléfono que permite a aquel alumnado con mala conexión a internet participar na videoconferencia empregando exclusivamente o audio.
A videoconferencia permite gravar as sesións para a súa revisión
Unha das utilidades más interesantes da videoconferencia é que permite gravar as sesións realizadas. Isto pode ser feito pola persoa organizadora ou calquera participante ao que o organizador lle dera permiso para tal fin. Este e outros permisos xestiónanse dende a sección de "Configuración" que veremos máis adiante.
Poder gravar as sesións permite a súa posterior revisión cons fins de avaliación, pero tamén poñelas a disposición daquel alumnado que non puidera vir para que revisen as actividades feitas e logren manter un mínimo contacto coa clase.
A videoconferencia facilita os proxectos de cooperación intercentro
Atopar formas de enriquecer o currículo e cooperar con outros centros educativos ou colegas cos que teñamos relación persoal é u dos aspectos que se pode explotar máis facilmente mediante a videoconferencia.
Son moitos os proxectos intercentro que se deseñan en torno a reunións virtuais, tanto de alumnado como de profesorado, nos que a interacción e intercambio de materiais e experiencias son moito máis inmediatos que a través dun blogue ou outro método máis tradicional. Ademáis, a opción de crear grupos de traballo dentro da propia videoconferencia mediante as chamadas "breakout rooms" ou salas individuais presenta un gran potencial no ensino de linguas estranxeiras.
A videoconferencia permite levar a cabo sesións de formación ou coordinación máis facilmente
A coordinación docente e a formación son dúas vertentes que tamén poden verse reforzadas mediante o emprego de videoconferencia, sobre todo no entorno da EOI, nos que os horarios e centros de traballo non sempre son coincidentes. É por isto que se debería potenciar o emprego desta ferramenta como método para promover a participación de profesorado en sesións de formación, reducir os costes e as dificultades asociadas a traer a expertos para dar charlas de formación e para fomentar a asistencia as reunións de coordinación. Recordemos, ademáis, que estas poderían ser gravadas mediante a aplicación, facilitando así os seguemento por parte dos profesionais que non poidan asistir.
As grandes melloras na conectividade na nosa comunidade implican que, como norma xeral, a calidade do vídeo é suficiente como para permitir unha suficiente expresividade facial e movemento, factores que adoitaban condicionar a chamada "presencia social" da videoconferencia.
Existen multitude de estudos, sobre todo no ensino primario e secundario, que atestiguan unha mellora da conciencia de grupo, capacidade de empatía, tolerancia e dinámicas interpersoais en aqueles grupos que empregaban a videoconferencia de xeito habitual, como por exemplo Austin, Smyth, Mallon, Mulkeen, & Metcalfe (2004), Cifuentes e Rodríguez (2002) e Gillies (2008).