Ficha técnica
![]()
VISIÓN DESPOIS DO SERMÓN
AUTOR: PAUL GAUGUIN
CRONOLOXÍA: (1888) ÚLTIMO TERZO SÉCULO XIX
ESTILO: POSTIMPRESIONISMO
TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO
LOCALIZACIÓN: GALERÍA NACIONAL DE ESCOCIA, EDIMBURGO
Visión despois do sermón é o cadro que marca a ruptura definitiva de Gauguin cos seus inicios impresionista e supón ademais a superación da visión realista do mundo. Para afastarse de París e do que el cría o mundo esgotado da arte aburguesado, trasladouse a Bretaña, unha das zonas entón máis illadas de Francia, na que mantiñan tradicións e formas de vida ancestrais, que noutras partes foran substituídas polo modo de vida urbano. O lenzo píntao no verán de 1888.
Neste caso, Gauguin fai a súa versión completamente persoal dun cadro relixioso, a escena desenvólvese nas portas da igrexa, onde un grupo de mulleres bretonas, ataviadas cos seus vestidos tradicionais, impactadas aínda polas palabras do sermón dominical, contemplan nun prado próximo unha escena bíblica, a loita de Jacob e o anxo. Jacob enganara o seu pai, Isaac, para lograr a primoxenitura fronte ao seu irmán Esaú, polo que foi condenado a vivir temporalmente lonxe da súa nai, ata que se reconciliou con Deus e coa súa familia.
A gran novidade deste cadro é a coexistencia dun plano real e outro imaxinario e a unión de ambos os dous mediante recursos plásticos: as mulleres bretonas axeonlladas crean coas súas toucas (cofias) e os seus perfís un ritmo decorativo continuo (o encadre, cos rostros en primeiro plano, é insólito e denota a influencia da fotografía), a árbore en diagonal divide en dous o prado vermello, illando a zona onde acontece a loita bíblica de Jacob co anxo.
O real e o irreal fundidos no cadro, por iso as cores son irreais, o campo vermellón, a composición moi xaponesa (o pintor inspírase nas estampas xaponesas, tanto no motivo do combate, coma na extensa superficie vermella) e as figuras non gardan unha correlación de tamaño entre elas. Gauguin elude as formas e encérraas nos seus contornos esenciais, utiliza cores puras e abandona o modelado.
O cadro xa non é unha representación senón unha creación, a expresión do mundo intimo do pintor, das súas vivencias e sentimentos.
O camiño cara á arte contemporánea estaba xa aberto.