Saltar navegación

Tarde de domingo na grande jatte

Ficha técnica

A TARDE DE DOMINGO NA GRANDE JATTE

AUTOR: SEURAT

CRONOLOXÍA(1884-1886) ÚLTIMO TERZO SÉCULO XIX

MOVEMENTO: PUNTILLISMO (TAMÉN DIVISIONISMO OU NEOIMPRESIONISMO)

TÉCNICA: ÓLEO SOBRE LENZO

TEMA: PINTURA DE XÉNERO

LOCALIZACIÓN: ART INSTITUTE (CHICAGO)

A escena mostra unha tranquila xornada de diversión e descanso á beira do Sena protagonizada por personaxes de variada condición social e en diferentes actitudes e posturas, aínda que ningún deles responde a un retrato. Para Seurat, tanto o lugar como o seu significado son unha escusa para a experimentación visual.

O método é aquí máis importante que a representación e por iso as figuras parecen estatuas, todas marcadamente individualizadas e rodeadas por unha atmosfera invadida pola luz da tarde.

O artista levou a cabo máis de setenta debuxos e bosquexos ao óleo antes de realizar esta coidada composición baseada en simplificadas formas xeométricas. Seurat levou ata as súas últimas consecuencias a idea da mestura de cor realizada na retina do observador mediante a súa versión do Puntillismo.

Utilizou para iso unha forma de traballo consistente na aplicación sobre o lenzo de pequenos puntos de cor pura que se fusionaban ao ser observados a certa distancia.

O perfecto equilibrio de tons cálidos e frios revela que o pintor foi ante todo un colorista e que, a pesar das apariencias, toda a composición está supeditada a ese estudo cromático, incluíndo o modelado e o debuxo.

O contraste entre o primeiro plano á sombra e o fondo ao sol, iluminado, crea unha marcada sensación de distancia acentuada polo diferente tamaño das figuras.

Temática

O parque de A Grande Jatte, é unha illa que se atopa no rio Sena. Este parque converteuse nun enclave bucólico afastado do centro de París tras a desaparición das industrias que o ocupaban. Foi un dos lugares de diversión preferidos dunha ampla capa da sociedade parisiense.

Como ben exemplifica esta obra, o descanso dominical da burguesía, a merenda, os paseos en barca, a comida e a diversión nos concertos, atopan a súa representación substituíndo aos temas relixiosos ou mitolóxicos promovidos polo clero e pola aristocracia.

Seurat aprendeu de Piero della Franchesca todo o concerniente a composición, figuras e perspectiva. Noutras palabras, esa sensación de actitude silenciosa na que as figuras se transforman en volumes baixo o dominio da cor e da luz.

Foi sen dúbida a influencia do positivismo a que o levou a experimentar no ámbito do debuxo e das propiedades físicas da cor.

Seurat cría no papel terapéutico da cor, do uso equilibrado entre luz e escuridade.