Saltar navegación

Paul Gauguin

Paul Gauguin (1848-1903) pintor e escultor francés tamén forma parte do Impresionismo. Este impregna a súa primeira fase artística na cal se aprecia a influencia de Pisarro.

Entre 1886 e 1888 a súa obra experimentou un xiro radical, cuxa orixe cabe buscar en dúas experiencias vitais de grande importancia: o seu encontro con Van Gogh e a súa primeira viaxe á Martinica.

Gauguin coñeceu o pintor holandés en París e quedou fortemente impresionado polo modo en que este conseguía plasmar as súas inquietudes vitais nuns lenzos ateigados de expresividade. En 1888 mesmo se desprazou a Arles coa intención de traballar conxuntamente, pero as incompatibilidades de carácter botaron espectacularmente a perder co proxecto ao cabo só de poucas semanas.

Pouco antes, Gauguin trasladárase durante un tempo á colonia francesa da Martinica, onde entrou en contacto cunha paisaxe repleta de sensual colorido e unha sociedade, a indíxena, en estreita convivencia coa natureza.

Ambos os dous factores uníronse para espertar no artista unha aguda nostalxia polo primitivo, canle na que ía encontrar unha vía idónea para expresar unha emotividade non contaminada polo naturalismo propio da arte refinada

Tras a súa desastrosa experiencia en Arles, Gauguin regresou a París, onde o seu interese polas formas da arte popular se acrecentou por vía da súa amizade co novo artista Émile Bernard.

De resultas das súas propias experiencias na Martinica e da achega teórica de Bernard ía xurdir o sintetismo (porque simplifica a realidade, pintando xa non do natural senón de memoria) tamén chamado cloissonnismo (do francés cloison “partición”, pola liña continua que delimita a cor nas vidreiras góticas), estilo persoal caracterizado pola representación non imitativa e a separación da imaxe pictórica en zonas de cor fortemente contrastadas e a miúdo delineadas en negro.

Entre 1891 e 1903 Paul Gauguin efectuou longas estanzas en Tahití e as illas Marquesas, onde o seu primitivismo foi temperándose. A enfermidade e os conflitos persoais marcaron os últimos anos da súa vida.

Ten dous repertorios temáticos preferentes: o mundo exótico e inxenuo de Tahití e o "primitivismo" de Bretaña. A súa obra é precedente inmediato do simbolismo e da pintura dos nabis; o seu sentido da cor influirá moito nos fauvistas e os expresionistas.